ALCALDÍA

Máis de 300 traballos aspiran ao I Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados

26/03/2008 Para o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, está previsto o fallo do I Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados, convocado polo Concello en colaboración coa editorial Kalandraka. Con tal motivo, o xurado estase a reunir no Centro Sociocultural do Ensanche. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou aos seus integrantes.

Recibidos 335 traballos ata o 31 de xaneiro, o xurado terá que escoller o gañador do certame, que levará 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. Presentáronse traballos de diversos países europeos (Alemaña, Suecia, Italia, Francia, Suíza, Portugal, Israel, Dinamarca e España) e americanos (Arxentina, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguay ou Perú). A obra galardoada será publicada en tódalas linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, vasco, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka.

Neste concurso participan autores e ilustradores do ámbito internacional. Optan ao premio obras que se poden incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal xeito que ámbolos dous se complementan.

Esta convocatoria enmárcase na Campaña de Animación á Lectura, que o Concello e Kalandraka levan adiante cada ano e que en 2008 cumpre a súa oitava edición. O xurado do Premio está integrado pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, por delegación do presidente, Xosé A. Sánchez Bugallo; polos artistas plásticos Fernando Krahn Parada e Miguel Calatayud Cerdán; polo ilustrador Óscar Villán Seoane; polo deseñador Marc Taeger; polo escritor Xavier P. Docampo; polo xefe do Departamento de Educación do Concello, Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez; e por Manuela Rodríguez Lorenzo, en representación de Kalandraka.

Compartir: