CULTURA

Uns 700 docentes participarán nas Xornadas sobre socioloxía da educación

25/03/2008 Do 26 de marzo ao 16 de abril, o Auditorio de Galicia acolle as primeiras Xornadas de socioloxía da educación Galiza no Mundo. Educación e Sociedade. Serán dez sesións nas que se tratarán diversos asuntos que inflúen na vida cotiá do colectivo pedagóxico. Máis de 700 docentes inscribíronse nestas xornadas, que se desenvolverán simultaneamente nas sete cidades galegas.

As xornadas teñen como obxectivo analizar as funcións da educación e da escola na estrutura social e estudar as mudanzas na sociedade no nivel cultural, social, económico, tecnolóxico e da información, e outros fenómenos sociais aos que a escola non pode ser impermeable. Nas diversas sesións falarase tamén sobre as dificultades con que conta o planeamento da educación e dos conflitos sociais que se poden abordar dende a escola.

Xavier Vence, Pilar García Negro, Celso López Pazos, Bieito Alonso, Kellie Germond, Francisco Rodríguez, Matías Rodríguez da Torre, Jurjo Torres Santomé, Xosé Ramón Freixeiro e Xoán Carlos Garrido serán os relatores en cada unha das sesións, que se desenvolverán, respectivamente, os días 26, 27 e 31 de marzo, e 2, 3, 7, 9, 10, 14 e 16 de abril. O horario será de 18:00 a 21:00 horas.

As xornadas foron presentadas en Raxoi polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, que as definiu como "necesarias para situar o papel de Galicia e do sistema educativo como motor de cambio cara unha sociedade mellor". Nesta necesidade tamén incidiu o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmando que "é preciso contextualizar a educación en Galicia", no marco dunha sociedade "de tópicos e con pouco análise". Finalmente, Olga Patiño, da Asociación Socio-Pedagóxico Galega (AS-PG), reclamou a presenza da socioloxía nas aulas.

Compartir: