UMAD

A UMAD desenvolve varias campañas de prevención do alcoholismo e de drogodependencias

24/03/2008 O Goberno municipal aprobou os gastos para a realización de tres programas da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). Trátase da Campaña de alcoholismo xuvenil, do Programa de prevención de drogodependencias a través do adestramento en competencias sociais con adolescentes, e da obra de teatro "Pisa la raya".

No caso da campaña de alcoholismo xuvenil aprobouse un orzamento de 7.394 euros para o seu desenvolvemento neste primeiro semestre de 2008. Esta iniciativa incide na sensibilización sobre o consumo de alcohol, a través da colocación dunha serie de mensaxes sobre o consumo en zonas sensibles da cidade.

A Xunta de Goberno aprobou tamén un orzamento de 11.000 euros para a realización do Programa de prevención de drogodependencias a través do adestramento en competencias sociais con adolescentes. Así mesmo, adxudicouse a súa realización á Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica (CHISEM).

Finalmente, deuse o visto bo ao gasto de 3.210 euros na obra de teatro "Pisa la raya", da compañía Pikor Teatro, dentro das actividades de prevención da drogodependencia. Esta obra é o resumo dos talleres de formación e información de drogas que se están levando a cabo nos centros educativos de Santiago.

Máster en Ciencias da Familia
Tamén no ámbito da UMAD, aprobouse o texto e a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago para a realización de prácticas de estudantes que participan no curso de posgrao "Máster en Ciencias da Familia". Deste xeito, a UMAD facilitará a realización polos alumnos do curso de traballos de investigación e estudo. Está previsto que participen ata seis alumnos do curso.

Compartir: