CULTURA

Visto bo ao proxecto de regulamento do Consello de Compostela Cultura

24/03/2008 A Xunta de Goberno deu o visto bo ao proxecto de regulamento do Consello de Compostela Cultura. Unha vez que o documento sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un período dun mes para formular alegacións. O regulamento aprobarase inicialmente no Pleno do xoves 27 de marzo e o obxectivo é que o Consello comece a funcionar no mes de xullo.

A elaboración deste regulamento xa está aberta á participación dende a súa xestación. Así, xa se puideron formular propostas entre o 11 de marzo, data da presentación pública da proposta, ata o 22 de marzo.

Este Consello de Compostela Cultura xorde coma un organismo consultivo que actuará como dinamizador, coordinador e impulsor da política cultural do Concello. Na súa composición pretende reflectir a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal. A súa implicación neste órgano de participación debe permitir a confluencia da cidadanía e do concello na definición de estratexias culturais da cidade.

Serán funcións do Consello, entre outras, propoñer o ámbito de intervención prioritario das políticas culturais, formular propostas e planos de actuación municipal, propoñer mecanismos de coordinación entre os axentes culturais, emitir informes, participar na avaliación das actuacións municipais e fomentar a vida asociativa no ámbito cultural.

Este órgano estará composto, ademais de polos representantes municipais, do Consello Municipal de Centros Socioculturais e do Auditorio de Galicia, por representantes da Consellería de Cultura e Deporte, da Universidade, do Consello da Cultura Galega, das fundacións culturais , das industrias culturais, dos grupos de artes escénicas e musicais amadores, do asociacionismo e dos artistas e creadores. Este Consello renovarase cada catro anos

O Consello de Compostela Cultura reunirase ordinariamente unha vez por cuatrimestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicitaran un terzo dos seus membros. Poderá formar comisións no seu seo, que facilitarán a súa funcionalidade.

Documentos relacionados



Compartir: