ALCALDÍA

O alcalde ve no vertedoiro de Miramontes unha oportunidade para adiantar o peche do de Aríns

18/03/2008 Para o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a construción dun vertedoiro de residuos non perigosos en Miramontes, na parroquia de Grixoa, pode ser una oportunidade para adiantar o peche do vertedoiro de Aríns. A intención municipal era que se puidera acometer o selado deste en 2010.

Sánchez Bugallo indicou que "non me parece mal" a iniciativa da Consellería de Medio Ambiente de autorizar este vertedoiro en Miramontes, por canto servirá para a "recuperación do impacto medioambiental desta canteira, tanto visual como físico". Ademais, podería aproveitarse esta circunstancia para adiantar o selado da escombreira de Aríns, proxecto que o Concello situaba no horizonte de 2010 e que pretende que asuma a Consellería de Medio Ambiente.

En calquera caso, e para non adiantarse aos acontecementos, o alcalde indicou que aínda non se solicitou licenza municipal para este proxecto. Ademais, recordou que a empresa responsable deberá presentar un plan de tráfico, depositar a correspondente fianza e prever obras de reforzo do firme, ante a previsión de que o actual non estea preparado para soportar a tonelaxe dos vehículos de transporte no seu tránsito ata Miramontes. Esta canteira sería a segunda do ámbito de Compostela, xunto coa de Carballal, de cuxa recuperación medioambiental se encargaría a Consellería.

Outro vertedoiro, neste caso de lixo, o de Piñor (Figueiras), xa está selado e recuperado. A súa inauguración está prevista para o 4 de abril.

Máis vivenda protexida
Na súa rolda de prensa, o alcalde tamén se referiu á marcha da construción de vivenda na cidade. Lembrou que, á falta dun aval bancario, concederanse 100 licencias máis na Xunta de Goberno do 24 ou do 31 de marzo. Deste xeito, no primeiro trimestre do ano teranse concedido licenzas para 600 vivendas, das cales 480 (o 80%) están acollidas a algún réxime de protección.

Sánchez Bugallo tamén anunciou que o luns 31 de marzo remata o prazo para a presentación de ofertas para o concurso das obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Con este, serán cinco os polígonos de vivenda en construción na actualidade. Neste levantaranse preto de 200 vivendas.

Compartir: