ALCALDÍA

O Foro polo Civismo abordará á volta de Semana Santa as posibles actuacións municipais en relación ao botellón

18/03/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que, á volta de Semana Santa, se constituirá o Foro polo Civismo, no que se abordarán as consecuencias do botellón. O seu papel será importante nas decisións que, no ámbito municipal, se poidan tomar respecto a este fenómeno.

Unha destas decisións será a de habilitar ou non un lugar e uns días para a celebración do botellón, facultade municipal que se establece no recentemente presentado anteproxecto da Lei de Drogodependencias, que, non obstante, prohibe expresamente este fenómeno. A posición persoal de Sánchez Bugallo é contraria a facer uso desta facultade, se ben indicou que será "respectuoso cos consensos" que se poidan producir neste tema.

En termos xerais, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo proceso seguido para a elaboración do anteproxecto da Lei de Drogodependencias, e pola inclusión nos mesmo das principais propostas feitas dende o Concello. En especial, amosouse satisfeito porque se recolla a súa proposta de prohibición de venta de alcohol en establecementos non hostaleiros a partir das dez da noite.

Lei de Vivenda
O alcalde tamén se referiu á participación do Concello, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, na confección do anteproxecto da Lei de Vivenda. Neste caso, apuntou, "quedaron recollidas na literalidade as cuestións sobre competencias municipais formuladas dende Santiago".

Compartir: