URBANISMO

O Concello presentaralle a Defensa unha nova proposta para Bando

18/03/2008 Á volta de Semana Santa, o Concello presentaralle ao Ministerio de Defensa unha proposta para desbloquear o tema da ubicación do campo de golf en Bando. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen recalcou o esforzo municipal por atopar "unha solución que satisfaga a todos".

Sánchez Bugallo recalcou que, nesta cuestión, "a prioridade do Concello segue sendo o aeroporto", polo que "con acordo ou se acordo, ningunha negociación debe paralizar o inicio das obras". Neste sentido, dixo, "seguimos traballando coa data do primeiro trimestre de 2010 e o tempo empeza a urxir".

Non obstante, o Concello segue a traballar para lograr un acordo entre todas as partes, "o cal non resulta doado, porque hai que conxugar intereses nos que cada parte defende o seu", afirmou o alcalde. En calquera caso, deixou claro que a proposta que se lle presentará ao Ministerio de Defensa móvese nos marxes xa propostos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e unicamente se fan "matices para dar cumprimento ao demandado pola Consellería de Política Territorial". "Oxalá Defensa dea a súa conformidade a esta proposta", concluíu.

Recinto feiral
O alcalde aproveitou a súa rolda de prensa para referirse tamén a outro tipo de instalacións, as feirais, a propósito da intención do Goberno autonómico de non construír máis recintos desta índole. Sánchez Bugallo reiterou a intención municipal de "vincular o recinto feiral de Silleda con Santiago", pero sempre partindo dunha "especialización e de por en valor o que xa temos en Santiago".

Así, demandou da Consellería de Industria non un novo recinto, senón a "colaboración para que as instalacións de Santiago teñan as mellores condicións". Neste sentido, lembrou que o recinto de Amio, ao contrario que outros, se fixo sen ningunha achega autonómica.

Compartir: