EMPREGO

Unha nova ferramenta informática mellorará a xestión da bolsa de emprego municipal

17/03/2008 A Plataforma de Intermediación Laboral será a principal ferramenta de traballo dos titores de inserción no proceso de tratamento personalizado que seguen con cada demandante de emprego.

Esta aplicación informática creouse a partir das necesidades detectadas na Área de Emprego. Co obxectivo de mellorar a prestación do servizo, o sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, facilitando o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade dos usuarios.

Esta plataforma permitirá mellorar o almacenamento de información, actualizar inmediatamente a mesma, axilizar a tramitación de demandas de emprego, facilitar o seguimento dos itinerarios de inserción, simplificar ás empresas o proceso de ofrecer traballo e axilizar a busca de candidatos axeitados para as ofertas das empresas. En definitiva, trátase posibilitará a exacta adaptación entre a oferta e a demanda.

O sistema tamén facilita a avaliación dos procesos relacionados con demandantes, empregadores e intermediación laboral. Estes indicadores permitirán detectar os niveis de éxito na implantación do sistema e planificar melloras. Ademais, a plataforma xerará informes e estatísticas.

A Axencia de Colocación
A Axencia de Colocación é un espazo integrado das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas á facilitar a inserción laboral dos demandantes de emprego, así como á intermediación laboral coas empresas. Aquí trázase unha forma de relación personalizada entre os demandantes e os oferentes.

O tratamento personalizado comeza a partires dunha entrevista en profundidade para coñecer as características propias de cada unha das persoas usuarias. En función destas características, os intermediadores deseñan un itinerario de inserción do que se fai un seguimento a través de citas de titoría. Os Itinerarios desenvólvense a través de actividades de formación en competencias profesionais e mediante a posta en marcha de técnicas de busca activa de emprego.

Está prevista unha segunda fase de desenvolvemento da Plataforma de Intermediación Laboral, na que as empresas poderán xestionar as súas ofertas de emprego introducindo uns parámetros.

Compartir: