ALCALDÍA

Sánchez Bugallo, convidado a participar en China nun encontro internacional de alcaldes sobre turismo

17/03/2008 O subdirector da Oficina de Asuntos Exteriores da Provincia de Henan (China), Yang Weibin, foi recibido en Raxoi polo alcalde. No encontro, Sánchez Bugallo, foi convidado a participar no Fórum Internacional de Alcaldes sobre Turismo, que se celebrará o 10 de abril en Zhenzhou, capital da devandita provincia.

Este Fórum encádrase na Feira Internacional de Cidades Turísticas, que se celebrará do 9 ao 13 de abril en Zhenzhou. O evento está chamado a converterse nunha oportunidade para fomentar o intercambio entre diversas cidades turísticas do mundo.

Santiago de Compostela é unha cidade considerada unha referencia neste ámbito, polo que o seu rexedor foi convidado ao Fórum Internacional de Alcaldes sobre Turismo, que terá como tema principal "O turismo, oportunidade e desafío para o desenvolvemento da cidade". O encontro está auspiciado conxuntamente pola Administración Nacional de Turismo de China e o Goberno Provincial de Henan.

Compartir: