CULTURA

O gaiteiro José Manuel López acompañará á Banda nun novo concerto

14/03/2008 A Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño ofrece un novo concerto, desta volta coa compaña do gaiteiro José Manuel López. Será o domingo 16, ás 12:00 horas, no Teatro Principal.

A gaita galega é o título que recibe este novo concerto, no que se interpretarán pezas como as Fábulas do Pico Sacro, Non te namores, neniña, O Pereiro, Crema de whisky, Brincadeira ou Noites de lúa na praia. As tres primeiras son interpretadas por primeira vez pola formación compostelá.

Para acompañar á banda coa gaita estará José Manuel López, destacado gaiteiro solista. Profesor de clarinete e gaita en diversos conservatorios profesionais e escolas de música, actualmente é membro de varias bandas de música, e grupos de música tradicional: Harmonía, Banda Sinfónica de Galicia, Banda de Música de Bandeira, Árdelle o Eixo, Crema de Gaita, etc.

Ademais destas pezas tradicional, a Banda completará o concerto coa marcha Arsenal de J. van der Roost; coa obertura de El tambor de granaderos, de Chapí; e cunha selección de La leyenda del beso, de R. Soutullo.

Compartir: