EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

Os alumnos do obradoiro Compostela Natural recuperan as marxes do río Sarela

14/03/2008 O primeiro tramo das marxes do río Sarela rehabilitado polos 60 alumnos do Obradoiro de emprego Compostela Natural xa está a disposición dos composteláns. Esta primeira fase corresponde á rexeneración do cauce e á apertura dun paseo á beira do río de 400 metros de longo por 1,35 metros de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e o rueiro de Figueiriñas.

Esta fase divídese en dous tramos. En cada un deles plantáronse 300 metros cadrados de céspede e diferentes especies arbóreas. Ademais dos traballos de axardinamento e da apertura do camiño, reconstruíronse os muros das parcelas colindantes recuperáronse os muros do río Sarela.

A delegada da Consellería de Traballo na provincia da Coruña, María Debén, cos concelleiros de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitaron este tramo recuperado, acompañados doutros membros da Corporación e dun numeroso grupo de veciños. E tras a visita, tempo para os agradecementos e para lembrar a frutífera colaboración entre o Concello e a Consellería de Traballo en materia de formación e de xeración de emprego.

O Obradoiro de emprego Compostela Natural conta cun orzamento de 1.173.865 euros, achegados pola Consellería de Traballo, aos que se engaden outra contribución duns 100.000 euros do propio Concello. Dos 60 alumnos que participan, o 60% son mulleres, aos que hai que engadir outras 13 persoas entre docentes e persoal de xestión. Os alumnos reciben formación teórica en catro especialidades no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás, en Aríns. Estas especialidades son: carpintería, xardinería, electricidade e albanelería.

Este obradoiro comezou o 27 de decembro de 2007 e está previsto que remate o 29 de setembro de 2008. Neste período está programada esta obra no Sarela, que permitirá a rexeneración do cauce, a recuperación ambiental e acondicionamento para uso público e recreativo das ribeira do río dende Carme de abaixo ata San Lourenzo, que xa se está acometendo.

Neste mesmo período construirase o albergue de cabalos Monte do Gozo. Está previsto que a edificación se ubique nunha parcela continua ao camping. Terá unha superficie construída de 2.950 metros cadrados, distribuídos en zonas de cortes, pistas e servizos. O albergue permitirá contar cunhas instalacións axeitadas para o coidado e recuperación dos equinos dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago a cabalo.

Compartir: