CONSUMO

Inmigrantes e persoas maiores, coñecedores dos seus dereitos como consumidores

13/03/2008 O sábado 15 de marzo celébrase o Día Mundial do Consumidor. Con tal motivo, a Concellería de Sanidade e Consumo presenta dúas novas guías, dedicadas especificamente aos inmigrantes e ás persoas maiores. Colaboran o Instituto Galego de Consumo e a Unión de Consumidores de Galicia.

A guía destinada ao colectivo inmigrante preséntase baixo o lema "somos inmigrantes, estamos informados" e ofrece, tomando como exemplo a unha parella que acaba de chegar a Santiago, as pautas que deben ter en conta como consumidores. O traballo, a vivenda, a educación, os servizos públicos e as relacións comerciais son aspectos que formarán parte do seu proceso de integración na cidade, e sobre eles deben ter claros os seus dereitos. Segundo o concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, trátase de "mentalizalos de riscos cos que non son conscientes e de evitar fraudes de difícil solución".

A publicación segue os pasos dos protagonistas para alugar unha vivenda, mercar os mobles e electrodomésticos, instalar o teléfono fixo, contratar os servizos de gas ou electricidade, obter un crédito ou facer calquera reclamación por infracción aos seus dereitos como consumidores. Todo isto expresado en tres idiomas: galego, castelán e francés.

Situacións cotiás
Baqueiro, acompañado do responsable da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), Antón Barba, presentou esta guía, ao igual que a dedicada aos maiores, que se exhibe baixo o lema "maiores con dereitos, consumidores ben informados". Nestas páxinas danse algúns consellos a ter en conta para afrontar situacións da vida cotiá que a algunha persoa lle puideran resultar un pouco complicadas.

As compras, os minicréditos, o uso dos datos persoais para a publicidade, o cambio de compañía telefónica, os números de tarificación adicional, o abono social, as excursións comerciais ou as revisións do gas son as cuestións recollidas nesta publicación. Fronte ás mesmas, infórmase de xeito sinxelo sobre a forma de actuar.

Distribuiranse 5.000 exemplares da guía para as persoas maiores e outras 1.000 da destinada aos inmigrantes. Á marxe das publicacións, o concelleiro lembrou a estes colectivos e a todos os cidadáns, que teñen á súa disposición os servizos prestados pola OMIC, situada na rúa Salvador Allende e co teléfono 981 542 314.

1.283 consultas e 254 reclamacións en 2007
A presentación das guías aproveitouse tamén para facer balance do 2007 na OMIC. En total, presentáronse fixéronse 1.283 consultas e 254 reclamacións. Entre os sectores máis afectados está o da telefonía, tanto fixa como móbil, así como respecto aos propios aparellos. Como dato curioso, sinalou Antón Barba, estase a detectar como, durante o período de garantía e, ante un defecto no teléfono, os servizos técnicos impútano á humidade ou a un golpe. Outro sectores con bastantes reclamacións son os de electricidade, de banca, de internet ou de transporte aéreo. No caso das consultas, tamén son significativos os de seguros, servizos a domicilio ou reparación de automóbiles.

Do total das 254 reclamacións, o propio Concello, a través da mediación, resolveu 71, mentres que 90 foron dirixidas a outros organismos, e 93 sometéronse á Xunta de Arbitraxe.

Entre os motivos máis recorrentes de reclamacións na actualidade, Baqueiro apuntou o dos servizos a domicilio, con prezos abusivos. Por isto, Antón Barba, recomendou que se pida sempre un presuposto previo e se reclame a factura. Tamén nos últimos tempos están a medrar as denuncias relacionadas coa eliminación da tarificación nocturna da electricidade.

Compartir: