INFRAESTRUTURAS

As obras da zona deportiva de San Lázaro serán adxudicadas en canto se reciba o proxecto de Fenosa

12/03/2008 Unha vez que o Concello reciba o informe de Fenosa sobre os custos do traslado dunha torre de alta tensión que impide o seu inicio, serán adxudicadas as obras da zona deportiva de San Lázaro.

Segundo figura no expediente do Concello, as obras da zona deportiva proxectada nos terreos situados detrás do edificio do SERGAS, en San Lázaro, saíron a licitación en agosto de 2007. Pero tal como se indica na última modificación do convenio de cooperación urbanística firmado no seu día entre o Concello e a Consellería de Facenda, para adxudicar estas obras é preciso contar cun informe dos custos que vai ocasionar o traslado dunha torre de alta tensión situada nos terreos que ocupará o futuro campo de fútbol.

O traslado desta torreta foi solicitado conxuntamente a Fenosa polo Concello e pola Xunta, e neste intre os dous organismos agardan unha resposta da compañía eléctrica, que de momento non se produciu. Fenosa só se pronunciou para indicar que se trata dun traslado complexo, que ademais se solapa co paso doutras liñas de alta tensión que están en proxecto e que deben pasar tamén por San Lázaro. Tamén informou que mudou o equipo técnico que se estaba a facer cargo do asunto, de modo que haberá un retraso de varios meses na entrega deste informe, aínda en fase de redacción.

No momento en que Fenosa entregue o proxecto e se coñezan os custos do traslado, a administración autonómica poderá facer efectiva a transferencia de diñeiro precisa para levalo a cabo ao Concello, para que este a súa vez adxudique as obras, coas debidas garantías de seguridade.

Compartir: