CULTURA

A Zona "C" cumpre o seu primeiro ano e celébrao cunha publicación

13/03/2008 O 13 de marzo de 2007 abría as súas portas a Zona "C", un novo espazo de creación múltiple pensado para acoller diferentes actuacións. Un ano despois, para celebralo, o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, presentou a publicación que recolle todas as actividades que se levaron a cabo aquí durante este ano de existencia.

A publicación, que ten forma de caixa e contén unha presentación da sala e das actividades que se fixeron nela, inclúe unha separata para cada un dos artistas que expuxeron a súa obra no último ano, e un DVD que recolle unha entrevista a cada un deles: Suso Fandiño, Mauro Trastoy e Santi Jiménez.

Suso Fandiño presentou "Álbum", un retrato social logrado a través da recompilación de fotografías que inundaron o espazo expositivo, de xeito aleatorio, a modo dunha habitación dos adolescentes e que se completaba cunha recompilación de vídeos afeccionados. Pola súa parte, Mauro Trastoy empapelou a sala con 1.388.253 puntos, cos que fixo seu o habitáculo impoñéndolle á mirada do espectador a identidade dos buratos que ocupaban as súas paredes e situándoo diante da esencia do "Movemento Sufato ". Finalmente, Santi Jiménez converteu a Zona "C" en "Albergues transitorios", que é o nome que se lle dá en Arxentina aos moteis, para transformarnos a nós en "voyeurs" accidentais. E dende o 11 de marzo, a sala acolle o proxecto "Estrutura binaria", da escultora Marga Crespo.

A Zona "C" naceu como espazo alternativo e polivalente, de creación múltiple, e intervención directa, co propósito de fomentar sinerxías de creación e diálogo entre as distintas manifestacións artísticas. Naceu para dedicarlle unha atención especial á programación de proxectos expositivos presentados polos artistas máis novos vinculados a Compostela, creadores que necesiten de ferramentas, para amosarlle ao público o seu traballo.

O obxectivo é estimular a creatividade e a imaxinación, propiciar o desenvolvemento de actividades para intercambiar coñecementos ou experiencias, poder amosar os traballos, realizar concertos, teatro, montaxes audiovisuais ou calquera actividade que se poida adaptar á Zona "C". Así, a sala abriuse a outras propostas, como a actuación de Enrique Azambuya dentro do Composjazz 2007, o Roteiro de Creación Contemporánea, "En pé de pedra" ou os Galicreques do ano 2007.

A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, 1. Abre todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

No 2008, ademais da exposición que acolle neste momento, de Marga Crespo, estará na Zona "C" Manuel Eirís, gañador do último Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, tanto do premio do Xurado coma o do Público; Rita Rodríguez, comisariada por Ana Justo, ao abeiro dunha colaboración co Master de Arte e Museoloxía e Criticas Contemporáneas da Facultade de Historia da USC; así como unha parte da exposición Marxes e Mapas que estará no Auditorio de Galicia e os artistas seleccionados no Certame Galego de Creadores Novos GZCrea 2008 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Compartir: