COMERCIO

Comenzan as actividades de animacion na rúa de "Marzo, mes do comercio"

11/03/2008 O mércores, 12 de marzo, comenzan as actividades de animación na rúa con malabares e zancudos que se desenvolverán no marco de Marzo, mes do comercio, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Durante as catro representacións está previsto repartir 4.000 folletos informativos explicando o conxunto de accións deseñadas baixo este lema co obxectivo de dinamizar o sector comercial e darlle ao comercio o protagonismo que lle corresponde na vida económica e social de Compostela.

A primera das actividades de animación na rúa terá lugar o 12 de marzo, ás 17:30 horas, na praza do Toural (sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan). A segunda desenvolverase o xoves, 13 de marzo, as 17:30 horas, na Praza Roxa. As outras dúas actividades serán no mes de abril. Con estas accións de animación con zancudos e malabares, a Concellaría pretende, dun xeito lúdico, informar a comerciantes e residentes en Compostela das actividades que se desenvolverán en Marzo, mes do Comercio: ciclo de dez Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, II Compostela Outlet e III Gala do Comercio.

Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio
O conxunto de actividades de Marzo, mes do comercio, inclúe un ciclo de dez conferencias gratuitas e abertas ao público, centradas na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías. O mércores, día 12, celebrarase no Centro Sociocultural do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) a terceira das charlas: Protocolo para PEMES, impartida polo profesor Fernando Ramos Fernández. A conferencia desenvolverase entre as 20:00 e as 21:30 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas.

Compartir: