PROMOCIÓN ECONÓMICA E MEDIO AMBIENTE

Listo para abrir ao publico o primeiro tramo rehabilitado das marxes do Sarela

11/03/2008 O 14 de marzo ábrese ao público o primeiro tramo das marxes do río Sarela rehabilitado polos 60 alumnos do Obradoiro de Emprego Compostela Natural, que desenvolven a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel. A primeira fase das obras corresponde á rexeneración do cauce e apertura dun paseo á beira do río de 400 metros de longo por 1,35 de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e Rueiro de Figueiriñas. Ponse así en valor as ribeiras dos ríos para o uso e aproveitamento da xente, recuperando os ríos para a cidade.

Esta obra divídese en dúas fases, das que a primeira quedará aberta ao público o venres 14 de marzo. Esta fase divídese, á súa vez, en dous tramos. En cada un deles estanse plantando 300 metros cadrados de céspede e diferentes especies arbóreas. Ademais dos traballos de axardinamento e da apertura do camiño, reconstruíronse os muros das parcelas colindantes e estanse recuperando os muros do río Sarela.

O Obradoiro de Emprego Compostela Natural conta cun orzamento de 1.173.865 euros aportados pola Consellería de Traballo. Dos 60 alumnos que participan, o 50% mulleres, aos que hai que engadir outras 13 persoas entre persoal docente e de xestión. Os alumnos reciben formación teórica en catro especialidades no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. Estas especialidades son carpintaría, xardinaría, electricidade e dous módulos de albanelería. Integrado no Plan de Acción Local polo Emprego, o Obradoiro de Emprego Compostela Natural empezou o 27 de setembro do 2007 e está previsto que remate o 29 de setembro do 2008. Ademais da rexeneración do cauce, recuperación ambiental e acondicionamento para uso público e recreativo das ribeiras do Río Sarela desde o Carme de Abaixo ata a ribeira de San Lourenzo, tamén se levará a cabo a construcción do albergue de cabalos Monte do Gozo, que permitirá contar cunhas instalacións axeitadas para o coidado e recuperación dos equinos dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago a cabalo.

Compartir: