MULLER

Un traballo sobre as mulleres do campo na Galicia moderna gaña o Premio Xohana Torres

11/03/2008 Serrana Mercedes Rial García recibiu de mans do alcalde o premio como gañadora da XVI edición do Premio de investigación Xohana Torres, polo seu traballo Desde o campo e o mar ata o tear e o fogar a invisibilidade rómpese en mil anacos. As mulleres do campo na Galicia da Época Moderna. A esta edición do certame presentáronse tres investigacións.

Nun acto celebrado no Salón Nobre de Raxoi, Sánchez Bugallo felicitou á gañadora, cuxo nome fora anunciado pola concelleira de Muller, Mar Martín. Na súa intervención, o alcalde aproveitou para lembrar a Xohana Torres, á que coñeceu na súa infancia, e para felicitar ás mulleres "polo esforzo, traballo e camiño percorrido en busca da igualdade".

O Concello instituíu este premio en 1993, por iniciativa da Concellaría da Muller. O seu obxectivo é contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado. Elixiu para darlle nome a Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931.

A catedrática de Didáctica de Linga e Literatura Galega da USC Aurora Marco encargouse de glosar a traxectoria duna autora cuxa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se iniciou no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros e no ano 1958 recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, e no ano 1972 recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta para ocupar a vacante na Real Academia da Lingua Galega que correspondera ata daquela a Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro cun discurso titulado "Eu tamén navegar".

Homenaxe a oito mulleres
Continuando cos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller, celebrado o 8 de marzo, o Concello vai homenaxear a oito mulleres do ámbito das ciencias humanas e sociais. Montserrat Villarino Pérez, Margarita Ledo Andión, Margarita Santos Zas, María Paz García Rubio, Mª Ángeles Luengo Martín, María Xosé Rodríguez Galdo, María Xosé Agra e Dulce Estefanía Álvarez serán as protagonistas nun acto o mércores 12, ás 20:30 horas, no Hostal dos Reis Católicos.

Esta homenaxe pretende recoñecer o traballo destas mulleres, que xogan un papel decisivo na xeración de coñecemento e, á vez, salientar a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia.

Compartir: