CULTURA

Cámara Negra xulga o "Brand" de Ibsen cos ollos do século XXI

11/03/2008 A compañía teatral Cámara Negra escolleu o Teatro Principal para estrear o seu novo traballo, Brand, unha versión libre da peza teatral de Henrik Ibsen. Dúas oportunidades, o 12 e o 13 de marzo, para ser testemuña da austera e experimental proposta escénica desta compañía.

A historia xulga, cos ollos do século XXI a Brand, un personaxe "que se enfronta a unha sociedade pechada e aos seus ideais equivocados, que impón a súa visión do mundo aos demais", en palabras do director, Carlos Álvarez-Ossorio. Trátase dunha personaxe chea de contradicións, "símbolo do noso caótico mundo actual, onde as ideoloxías parecen mortas e as relixións parecen ter deixado paso aos fanatismos".

Sobre o escenario do Teatro Principal estarán cinco actores, encabezados polo protagonista, Xosé M. Espérante, no papel de Brand. Xunto a el, Teté García, Alejandro Carro, Tanas e Marta Pérez. Todos eles ofrecerán ao público unha hora e media de intensa e continua permanencia en escena.

Cámara Negra é unha compañía cunha traxectoria de dez anos traballando en Andalucía, montando textos de Shakespeare, Chéjov, O'Neill ou Heiner Müller, viaxando con eles ao longo de todo o territorio español, ademais de actuar en Cuba e Alemaña, tendo recibido polo seu traballo numerosos premios en mostras e festivais. Cámara Negra traslada a súa sede a Galicia en 2005. A súa primeira montaxe é unha coprodución coas compañías Teatro do Noroeste e Noescafé Teatro: A casa do pai. Por esta montaxe, a compañía gaña o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego 2007 e o Premio José Luis Alonso da Asociación de Directores de Escena de España (ADE) 2006.

Compartir: