AUDITORIO

O Auditorio de Galicia acolle a estrea mundial de "Enigmas da temporalidade", do compositor galego Juan Vara

10/03/2008 Seguindo o costume de estrear cada temporada de abono pezas de compositores actuais galegos, o xoves 13 de marzo, a Real Filharmonía inclúe a obra Enigmas da temporalidade (sobre un poema de Eloy Sánchez Rosillo), do coruñés Juan Vara. A peza volverá soar ao día seguinte no Auditorio de El Escorial, onde a Real Filharmonía inaugurará o Ciclo de Música Religiosa.

Nesta peza, Vara bota man dun texto do poeta murciano Eloy Sánchez Rosillo, profesor de literatura española na universidade de Murcia e que ten recibido diferentes premios, como o Adonais, en 1977. Entre as obras Sánchez Rosillo destacan Maneras de estar solo, Páginas de un diario (1981), Elegías (1984) ou La vida, onde reúne composicións escritas entre 1989 e 1995, e de onde Vara tomou o texto.

Juan Vara
O compositor coruñés Juan Vara tense convertido con tempo nun asiduo nas programacións do Auditorio de Galicia, onde non é a primeira vez que estrea. Así mesmo, ten realizado obras por encargo da Sinfónica de Galicia, como Desde el abismo a la otra orilla. Destaca a súa composición para a banda sonora orixinal de La novia de medianoche.

Nesta ocasión estamos ante unha peza concibida para orquestra e recitador (Luís Martínez Sánchez será o encargado de recitar o texto), sobre o poema "Desde aquí", contido na obra La vida, de Sánchez Rosillo, unha forma de elexía a modo de flash-back e recordo de fitos vitais do protagonista, tal e como explica o crítico musical Julián Carrillo nas notas ao programa. A música de Vara actúa como vehículo da palabra e potencia o seu lirismo, á vez que recrea sons dos diferentes ambientes descritos no texto.

Compartir: