COMERCIO

O comercio compostelán volve a ser protagonista no mes de marzo

10/03/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou Marzo, mes do comercio. O conxunto de actividades que se presentan baixo este lema ten un dobre obxectivo: dinamizar o sector comercial e darlle ao comercio o protagonismo que lle corresponde na vida económica e social de Compostela.

Marzo, mes do comercio, que este ano 2008 acada a segunda edición, conta con tres actividades principais: dez Conferencias sobre comunicación e innovación para o pequeño comercio, II Compostela Outlet e a III Gala do Comercio. Toda a información sobre as accións que se van desenvolver atópase na web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, www.maiscompostela.org. Ademais, faranse catro actividades de dinamización na rúa con malabares e zancudos, e distribuiranse 5.000 exemplares dunha revista na que se promociona aos comerciantes composteláns. Na publicación terán especial protagonismo os cinco homenaxeados na III Gala do Comercio, os gañadores das catro tempadas da Edición do Concurso de Escaparatismo e os tres gañadores do Concurso de I+C (Imaxinación máis comercio)

As dez Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio serán de balde e abertas a calquera interesado. Impartiranas expertos en cada unha das temáticas que se van abordar. Centraránse, sobre todo, na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías. Con estas conferencias a Concellaría responde ás demandas do sector comercial detectadas na Campaña de Difusión e Sensibilización cara a Formación, realizada entre o 28 de maio e o 15 de xuño do 2007, na que se visita4ron 1.703 estabelecementos de Santiago. O horario, de 20:00 a 21:30 horas, escolleuse en función das respostas dos comerciantes que maioritariamente sinalaron que o horario máis apropiado para a formación do sector é o de tarde-noite.

II Compostela Outlet
Os días 26 e 27 de abril celebrarase a segunda edición de Compostela Outlet. En 2007 contabilizáronse 15.624 visitas e instaláronse 80 stands no recinto feiral de Amio. Este ano vaise habilitar espacio para 150 stands. Ata o momento hai máis de 90 comercios que presentaron a solicitude e o prazo de preinscripción continúa aberto.

En Compostela Outlet 2008 pode inscribirse calquera comercio polo miúdo con sede social e/ou razón comercial en Santiago, exceptuando os estabelecementos de alimentación. A adxudicación de postos aos expositores realizarase por rigorosa orde de entrada da preinscición no Rexistro Xeral do Concello, situado na Rúa Presidente Salvador Allende, número 4 (Galeras). A solicitude coas condicións xerais de preinscripción está colgada na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org.

III Gala do Comercio
O 10 de abril terá lugar a III Gala do Comercio, que ten como obxectivo que os comerciantes se convirtan nos protagonistas da vida de Compostela.

Na terceira edición da Gala do Comercio homenaxearase a cinco comercios da cidade pola súa traxectoria ao servizo da súa clientela. Unha comisión estudiará as solicitudes de participación presentadas, conforme aos criterios obxectivos fixados nas bases. O prazo de presentación remata o 15 de marzo.

Na convocatoria poden participar todos os establecementos comerciais polo miúdo abertos ao público no Concello de Santiago, excepto os xa homenaxeados nas anteriores galas dos anos 2006 e 2007. Os estabelecementos comerciais poderán eles mesmos presentar a súa candidatura ou ben ser propostos por outros comerciantes ou asociacións de comerciantes. As solicitudes deberán presentarse, antes do 15 de marzo, no Rexistro Xeral do Concello de Santiago na rúa do Presidente Salvador Allende, 4.

Na gala tamén se entregarán os premios do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" , que ten como obxectivo servir de incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns. Igualmente, recibirán o seu garlardón os gañadores do Concurso de I+C (Imaxinación máis Comercio).

Compartir: