TURISMO

A lamprea pecha en marzo "Santiago de Compostela. Repetirás"

07/03/2008 Máis de vinte restaurantes ofrecen menús e pratos especiais elaborados con lamprea durante todo o mes de marzo, no marco do programa Santiago de Compostela. Repetirás. Ademais, Chef Rivera e Toñi Vicente impartirán obradoiros gastronómicos o 15 e o 29 de marzo.

Contan que foi o prato preferido dos césares da Roma Imperial, pero hoxe somos os galegos os que cada ano gozamos da presenza na nosa mesa da lamprea. Este peixe, que levanta paixóns, é o produto elixido como eixe do mes de marzo para pechar o programa gastronómico Santiago de Compostela. Repetirás.

Durante todo o mes unha selección de máis de vinte restaurantes da cidade ofrecerán menús e pratos especiais elaborados a base de lamprea. Os clientes só teñen que pedir a carta Santiago de Compostela. Repetirás nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores para degustar pratos preparados con este peixe.

Cociñando lamprea con Toñi Vicente e Chef Rivera
Este mes de marzo retómanse os obradoiros gastronómicos, nos que os asistentes aprenderán da man de Toñi Vicente e Chef Rivera os mellores xeitos de cociñar lamprea. Ambos cociñeiros prepararán en directo as súas especialidades, como a lamprea seca ou o timbal de lamprea, explicando os procesos seguidos, de xeito que cada afeccionado poda repetir a experiencia na súa propia cociña. Os obradoiros impártense na Galería Sargadelos e poden participar ata 45 persoas, reservando praza no 902 190 160. Por tan só 10 euros aprenderán durante dúas horas do bo facer destes recoñecidos cociñeiros.

O sábado 15 de marzo impartirá o obradoiro o Chef Rivera, cociñeiro e propietario do recoñecido restaurante Chef Rivera, de Padrón, que na tempada da lamprea prepara un menú composto exclusivamente con este peixe, engadindo cada ano novas receitas. O sábado 29 será Toñi Vicente, cociñeira e propietaria do restaurante que leva o seu nome en Santiago de Compostela, distinguido cunha estrela Michelin, a encargada do obradoiro. Pioneira da nova cociña galega, Toñi aplica á lamprea técnicas innovadoras.

Santiago de Compostela. Repetirás é unha iniciativa de Turismo de Santiago e a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de tempada. O programa, iniciado en novembro co mes dos cogomelos, péchase en marzo coa cociña da lamprea.

Compartir: