TURISMO

A Organización Mundial do Turismo elixe de novo a Turismo de Santiago para a súa vicepresidencia

06/03/2008 A empresa municipal Turismo de Santiago foi ratificada por dous anos máis na vicepresidencia do Consello de Destinos da Organización Mundial do Turismo, que ocupa dende marzo do 2007. A decisión produciuse durante a asemblea que celebra esta axencia especializada das Nacións Unidas en Berlín.

A reelección de Turismo de Santiago, que se produciu por unanimidade, tivo lugar o 6 de marzo durante a asemblea que celebra a Sección de Destinos da OMT no marco da Feira de Turismo de Berlín, a ITB.

A Sección de Destinos da OMT reúne a 81 destinos turísticos dos cinco continentes e ten por obxecto apoiar a mellora da xestión turística dos seus membros a través de estudos de investigación e "boas prácticas", o desenvolvemento de produtos, a innovación tecnolóxica, a aplicación de normas de calidade e técnicas de promoción, o impulso á competitividade, a medición do impacto do turismo e a análise do mercado, entre outros.

A noticia coincide coa presencia de Turismo de Santiago un ano máis na maior feira turística mundial, a Internationale Tourism Börse da capital alemana, na que contactará cos máis importantes turoperadores mundiais de turismo cultural, relixioso e de congresos.

Un recoñecemento a Compostela
Durante o discurso de aceptación do nomeamento, o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, afirmou que a capital galega seguirá contribuíndo con interese á mellora da xestión dos destinos turísticos adheridos á OMT.

O presidente dos Estados Membros da OMT, Carlos Vogeler, saudou a reelección de Turismo de Santiago para a vicepresidencia continental da Sección de Destinos indicando que "foi unha decisión unánime que recoñece a impecable xestión turística de Santiago de Compostela, que é considerada modélica no continente europeo".

A presidencia do grupo recaeu novamente en André Vallerand, representante canadense, e as outras vicepresidencias na Organización de Turismo do Caribe, na revista National Geographic e na Asociación de Viaxes de Asia e o Pacífico.

Para o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, o recoñecemento supón !un compromiso continuo de traballo para que a cidade poda seguir sendo nos foros internacionais exemplo de boas prácticas turísticas, urbanas e medioambientais".

Compartir: