INFRAESTRUCTURAS

Unha xornada especial no barrio de Sar

16/07/2005 Nunha mesma xornada, o sábado 16 de xullo, o popular barrio de Sar asistiu á inauguración do seu novo centro sociocultural e da primeira fase de reurbanización do contorno da Colexiata de Sar, que aínda con certo retraso sobre as previsións iniciais, recupera paro uso dos cidadáns un dos máis fermosos currunchos da cidade.

A festiva xornada comezou coa inauguración do novo centro sociocultural de Sar, un local de máis de 160 metros cadrados situado na rúa Ponte do Sar e obtido polo Concello gracias á cesión do dez por cento do aproveitamento urbanístico da promoción onde está ubicado.

Cun funcional deseño realizado polo arquitecto Alfredo Varela, o centro pasa a incorporarse á rede municipal de centro socioculturais, estando as súas instalacións a dispor das asociacións do barrio. O investimento municipal realizado neste centro foi de arredor de 150.000 euros.

Na súa inauguración o presidente da Asociación de Veciños de Sar, Juan Álvarez Carril, agradeceu á administración local o esforzo para equipar o barrio e adecentar os seus elementos de identidade máis singulares, a ponte de Sar e o entorno da Colexiata do mesmo nome, gracias a unha intervención do Consorcio da Cidade, órgano presidido polo Alcalde, e que sería inaugurada de seguido.

Dositeo Rodríguez, Xesús Pampín, Xaquín Leiceaga, Bernardino Rama, Teresa García-Sabell, Adelaida Negreira e a propia concelleira de centros socioculturais, Mercedes Rosón, acompañaron a Sánchez Bugallo no primeiro destes actos antes de desprazarse ata a ponte de Sar, onde tivo lugar a segunda das inauguracións da xornada.

Máis de millón e medio de euros na primeira fase da reurbanización de Sar

Na ponte do Sar e diante de numeros veciños Sánchez Bugallo, inaugurou de seguido as obras de reurbanización do contorno da Colexiata de Sar executadas polo Consorcio, manifestando que "hoxe é un bó día" e lembrando as dificultades de actuar nunha delicada zona procurando manter simultáneamente os servicios e o tráfico.

Na primeira fase da reurbanización desta rúa, sita á beira do río Sar, foi empregado formigón limitado e encintado en bordes de granito. Ademais, construíuse unha pasarela peonil sobre o río para separar o tráfico rodado que atravesa a ponte.

En setembro deste ano acometerase a segunda fase de arranxo do pavimento, que chegará ata a praza de Galicia e Virxe da Cerca. Tamén se acondicionará o parque infantil, a iluminación da Colexiata e o acondicionamento da calzada medieval de Sar, para o que está previsto investir máis dun millón de euros en total. Na primeira fase investíronse uns 1.567.110 euros.

Compartir: