COMERCIO

Comeza o ciclo de conferencias sobre comunicación e innovación para o pequeno comercio

05/03/2008 O luns 10 de marzo comeza o ciclo Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, organizadas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Son dez charlas de balde que se desenvolverán baixo o lema Marzo, mes do Comercio. Impartidas por expertos en cada unha das temáticas que se van abordar, estarán abertas a calquera persoa interesada.

Con estas conferencias, a Concellería responde á demanda do sector comercial de formación especializada en innovación e novas tecnoloxias, cada vez máis necesaria para mellorar a competitividade e modernizar o pequeno e mediano comercio. Centraranse, sobre todo, na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías. Promoción Económica e Comercio repartiu entre os comerciantes da cidade 3.000 dípticos co programa das xornadas, que tamén se pode consultar na web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

As Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio desenvolveranse en duas etapas: do 10 ata o 14 de marzo e do 14 ao 18 de abril. O horario, escollido en función da dispoñibilidade dos comerciantes co obxectivo de facilitarlle a asistencia ás charlas, será sempre o mesmo, de 20:00 a 21:30 horas.

As tres primeiras conferencias desenvolveranse do 10 ao 12 de marzo no Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16) baixo o título de "A publicidade hoxe. Chaves para entendela e... comprala", "Aspectos fundamentais das Relacións Públicas" e "Protocolo para PEMES". O 13 de marzo, a charla "Pequenos gabinetes de prensa.¿Cómo comunico o que fago?" celebrarase na Fundación Torrente Ballester (rúa do Vilar, 7-9). O 14 de marzo a conferencia versará sobre "Como mellorar a comunicación oral e escrita" e impartirase de novo no Centro Sociocultural do Ensache. Este primeiro bloque céntrase, sobre todo, na comunicación e na publicidade.

O segundo bloque de cinco conferencias celebrarase na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) entre o 14 e o 18 de abril, e incidirá, sobre todo, na innovación. As conferencias programadas son: "A identidade corporativa gráfica", "Novas tecnoloxías nas PEMES", "Webs, blogs, publicidade en internet e presentacións audiovisuais", "Follas de cálculo: Excel e a súa aplicación na pequena empresa", "Escaparatismo e deseño de interiores" e "Axudas á innovación no pequeno comercio".

Compartir: