FUNDACIÓN GRANELL

A Fundación Granell exhibe "Maldita Europa", de Xurxo Oro, unha reflexión sobre a violencia cotiá

05/03/2008 O mércores 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Pazo de Bendaña, sede da Fundación Eugenio Granell, inaugúrase a mostra Maldita Europa, do artista alaricano Xurxo Oro Claro. Unha vez máis, a Fundación Eugenio Granell fai agromar a pegada do surrealismo na arte galega da man dunha mostra que estará aberta ata o 14 de maio.

A proposta de Xurxo Oro na Fundación Granell, creada ao abeiro da grande potencia do signo escultórico utilizado, brinda unha reflexión sobre a violencia creada na noso contorno cotián. O corpo humano e a súa fragmentación, é o vehículo plástico utilizado para crear esta mostra, cobrando na obra do artista entidade de idea estética en si mesma, e medio válido de transmisión de significado na actualidade.

As sociedades xeradas polas democracias europeas no tempo do tardo capitalismo, a Europa da abundancia, preséntanse coma un corpo doente, lacerado por feridas abertas aínda sen estiña, como a criminalización da inmigración, a violencia de xénero, ou a violencia exercida contra a infancia. Deste xeito, a mostra supón unha oportunidade para reflexionar, dende a arte, sobre o noso tempo.

Formada por varias instalacións, unha vídeo proxección, e tres series de fotografías, a mostra consta de tres partes diferenciadas na montaxe da Fundación Granell: unha instalación feita especificamente para o espazo do Pazo de Bendaña e outras dúas instalacións que foron o xerme desta mostra, ambas baixo o título xenérico de Maldita Europa.

O talante máis universalista das instalacións, contrasta coa especificidade das series fotográficas, que atinxen en concreto a lacras da sociedade contemporánea como a violencia de xénero, a violencia infantil ou a inmigración.

Compartir: