CULTURA

Todos os ámbitos da actuación cultural estarán representados no novo Consello Municipal de Cultura

05/03/2008 As concelleiro de Cultura, Néstor Rego, anunciou os pasos que se van dar para a creación do novo Consello Municipal de Cultura. O martes 11 de marzo celebrarase a primeira reunión deste órgano "amplo, aberto e no que caberán todos os ámbitos da actuación cultural".

Nesa primeira reunión do 11 de marzo estarán convocados todos os axentes culturais, coa fin de darlles a coñecer as liñas xerais do Consello e de entregarlles un borrador de regulamento para que fagan as súas propostas. O obxectivo, indicou Rego, é lograr un "amplo consenso ao redor deste Consello".

Este órgano, que a Concellaría proporá que se chame Consello de Compostela Cultura, será o órgano colexiado de participación comunitaria para o seguimento das políticas públicas no ámbito da cultura. Tamén nace para buscar lazos de coordinación entre os axentes culturais. O Consello terá como funcións, entre outras, formular plans e propostas de actuación, realizar informes ou fomentar o asociacionismo cultural.

Ademais dos representantes dos grupos municipais, no Consello estarán representadas diversas institucións (Consellería de Cultura, Consello da Cultura Galega, Universidade…), as industrias culturais, os grupos amadores, o asociacionismo cultural e os artistas e creadores. En total serán uns 35 os integrantes deste órgano.

O calendario do Consello Municipal de Cultura comeza coa reunión do 11 de marzo, na que se abrirá un período para facer propostas ata o 22 de marzo. No Pleno municipal do 27 de marzo aprobarase inicialmente o regulamento e abrirase o período de exposición pública e de alegacións. Néstor Rego apuntou que o obxectivo é que o regulamento poida ser aprobado definitivamente no pleno ordinario de maio e, logo da comprobación dos censos e dos nomeamentos, e que o Consello se constitúa a mediados de xullo.

Consello Reitor do Auditorio
O concelleiro anunciou tamén que no Pleno ordinario do mes de marzo procederase á renovación do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, en particular nos integrantes designados como persoas de prestixio. Proporase que continúen como representantes Ana Romaní Blanco e Iñaki Martínez Antelo. Tamén é posible que se estude a renovación dos representantes dos patrocinadores.

Compartir: