EDUCACIÓN E MOCIDADE

A comunidade educativa e a mocidade renovan a súa aposta pola participación activa na vida municipal

04/03/2008 A comunidade educativa e os mozos da cidade veñen de renovar os seus órganos consultivos, a través dos que poden manifestar e canalizar as súas inquedanzas e propostas aos responsables municipais. Trátase do Consello Municipal de Educación e do Consello Municipal da Xuventude.

As dúas entidades quedaron constituídas en sendas sesións extraordinarias, presididas polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e celebradas no Auditorio de Galicia e no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, respectivamente. En ambos casos elixiuse aos integrantes dos Consellos e determinouse o réxime de sesións.

O Consello Municipal de Educación é un órgano de consulta e participación, constituído por membros da comunidade educativa e representantes de todos os sectores sociais, ademais de representantes dos consellos escolares dos centros públicos. Na sesión constitutiva elixiuse como vicepresidenta do Consello á concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e designáronse os integrantes das comisións. Ademais, deuse traslado dun escrito da Delegación provincial de Educación sobre áreas de influencia de centros privados sostidos con fondos públicos.

Pola súa parte, o Consello Municipal de Xuventude, do que terá a vicepresidencia o concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, designou tamén aos membros da Comisión Permanente e tratou o informe sobre o programa de actividades da Concellaría. Este Consello é o órgano de asesoramento, consulta, proposta e participación da mocidade no municipio. Está integrado, ademais de polos representantes municipais, por membros das asociacións xuvenís e dos consellos escolares existentes en Santiago.

Compartir: