ALCALDÍA

Unha nova exposición analiza as mobilizacións estudantís do 68 en Compostela

29/02/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou, xunto co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e co presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, a exposición "Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela", organizada pola Fundación 10 de Marzo. A mostra estará no Pazo de Fonseca ata o 27 de marzo.

A exposición parte dun longo traballo de documentación realizada polo seu comisario, Ricardo Gurriarán, que lle servirá tamén para unha editar un libro no que se analizan as mobilizacións estudantís galegas de 1968. A mostra parte da descrición da situación da Universidade por aquel ano e dos elementos que desencadearon as mobilizacións. Ofrécense pormenorizadas explicacións dos sucesos estudantís daquel curso 1967/1968, marcados polo activismo contra as autoridades académicas e contra a ditadura franquista. As asembleas universitarias, o peche na Facultade de Filosofía e Letras ou a represión sobre os líderes estudantís son algúns dos feitos recordados.

Recortes de prensa, manifestos, panfletos e outros documentos integran esta exposición, que se completa con obxectos da época e mesmo coa reprodución dunha habitación de estudantes de entón.

A apertura desta exposición complementarase con outra serie de actos, como unha sesión de cineclub dirixida por Ezequiel Méndez, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e a presentación de libros sobre o tema.

Compartir: