FUNDACIÓN GRANELL

O holandés Rik Lina exporá a súa obra ata o 10 de setembro

09/08/2005 O 10 de agosto inaugúrase "Xungla caribeña" do artista holandés Rik Lina, e permanecerá aberta ata o 10 de setembro. Esta mostra forma parte do ciclo de surrealismo internacional co que a Fundación pretende constatar a vixencia do corpus estético do Surrealismo, non só a nivel galego, senón a nivel internacional.

O holandés Rik Lina presenta no Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, unha exposición individual. De orixe neerlandés aínda que ten a súa fonte de inspiración na arte de América Latina (máis concretamente na figura do famoso surrealista cubano Wilfredo Lam), Lina é coñecido por ser o fundador do grupo Nuevos Cobra de Ámsterdam, no que participan tanto pintores europeos como latinoamericanos, e do Colective Automathic Painting.

Ademais, Lina vincúlase ao movemento "Phases", liderado por Edouard Jaguar, e ao "Bureau de recherches surréalistes" de Holanda. Nesta mostra poderanse ver arredor de trinta e catro pinturas de pequeno e gran formato, nas que se empregan técnicas de pintura como o óleo, gouache e con resinas e acrílico, sobre lenzo e papel, ademais de técnicas de gravado como a litografía e a xilografía. A obra recollida na exposición abrangue pezas realizadas entre 1975 e o ano 2004.

O máis salientábel da súa trayectoria é a súa participación, arredor dos anos setenta co grupo surrealista holandés "Phases", a súa intervención na "Exposición Lateinamerika und der Surrealismos" realizada en Bochum (1993) e na exposición "Surrealismo e modernidade" do grupo Phases do Cono Sur en San Pablo (1998). Ademais, coma a mayoría dos artistas surrealistas, o seu ámbito de actuación non se circunscribe só á plástica, senón que tamén se extende á creación literaria, exemplo disto son libros de poesía como "Soleil Noir", "Fleur Revolté", "Imagination" ou "Verbledung". Na actualidade desenvolve a súa actividade en Amsterdam.

Como rasgo específico da súa obra, adóitase salientar a importancia da cor que ten un papel estrutural, indo máis alá do simple rexistro retiniano e dotándose de funcións novas. A cor provén do inconsciente e aflora mediante o automatismo psíquico, que é un dos principias procesos de creación para o arranque dunha obra surrealista.

Compartir: