CULTURA

Máis de cen compañías de todo o mundo solicitan participar nas convocatorias artísticas do Festiclown Compostela 2005

15/07/2005 A cantidade de solicitudes presentadas, así como a calidade e variedade de moitas das propostas, convirten ao Certame Intergalático no maior concurso do Estado para a presentación dos traballos de compañías que traballan no ámbito da animación de rúa e do clown.

O Festiclown reunirá un ano máis en Compostela a artistas e compañías de grande potencial artístico. Desde Arxentina ata Brasil, pasando por Cataluña, Euskadi, Andalucía e Galicia, os traballos das corenta compañías seleccionadas nesta quinta convocatoria, algunhas delas de recoñecido prestixio tras actuar noutros festivais de teatro cómico do estado, serán presentados ao público entre o 1 e o 7 de Agosto en Compostela.

O Teatro Principal de Compostela e a Praza do Toural son os escenarios escollidos para que os artistas fagan gozar ao público en cada unha das dúas modalidades do Certame, de Interior e de Rúa.

O público será quen decida por votación popular que compañías sairán gañadoras en cada unha das modalidades do Certame Intergaláctico. As escollidas, recibirán un premio que consiste na contratación dunha actuación con caché e datas pactadas co Excmo. Concello de Santiago de Compostela.

O Festival Internacional de Clown de Galicia tamén ofrecerá unha oportunidade única para a presentación de compañías noutras das súas seccións. O Maraclown, invadirá as rúas e prazas da cidade histórica Compostela durante os días do festival, ofrecendo aos artistas un espacio aberto no que comunicarse co público directamente.

Outra das sección habituais do festival, o Clown- Off, ofrecerá aos artistas, durante a noite do venres 5, un espazo para presentar espectáculos en experimentación nun local da cidade.

Os máis de cen pases e actuacións que realizarán as compañías seleccionadas nas distintas Clownconvocatorias durante a semana do festival, convertirán á capital de Galicia, por segundo ano consecutivo, na capital da risa, do humor e do clown.

Compartir: