PROMOCIÓN ECONÓMICA

O "Estatístico 2006/2007" traza unha radiografía do próspero presente da cidade

27/02/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Estatístico 2006/2007, do que se editaron 1.000 exemplares e se fixeron 500 copias en lápiz electrónico. O estudo recolle 5.000 mil datos, distribuídos en quince capítulos e dispoñibles en formato electrónico na páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org.

Os datos recompilados no Estatístico perfilan unha radiografía de Santiago que confirma que a nosa cidade está acadando unha serie de obxectivos vinculados co desenvolvemento sostible. Tendencias como o incremento da vivenda de promoción pública, o aumento do número de usuarios de programas sociais como Axuda no Fogar ou Teleasistencia Domiciliaria, a gran superficie de zonas verdes e de ocio coa que conta Santiago ou a gran oferta de eventos culturais desenvolvidos, caracterizados pola súa variedade e diversidade, e pola aceptación por parte do público.

Os datos recollidos na publicación permiten aos diferentes actores que participan na vida de Santiago ter unha visión obxectiva tanto da situación actual da cidade, como da súa evolución nos últimos anos. Precisamente pola necesidade de contar con datos cada vez máis precisos e actualizados, estase levando a cabo unha reestruturación do servizo de Estatística do Concello que, grazas á implantación das Novas Tecnoloxías, permitirá acceder dun xeito máis eficaz e útil á información.

Neste momento estase a traballar no deseño e desenvolvemento dunha aplicación informática que permitirá presentar datos periódicos nas categorías máis relevantes. Todos estes datos estarán dispoñibles en Internet. Tamén se habilitará un sistema de consulta a través da Rede que permitirá contestar ás dúbidas respecto de diversos datos que poida ter calquera persoa, empresa ou organización. Agora mesmo calquera consulta pode tramitarse a través do correo electrónico estatistica@santiagodecompostela.gal. Ademais, a implantación das Novas Tecnoloxías permitira que os datos de cada ano poidan presentarse xa en xaneiro do ano seguinte.

Compartir: