COMERCIO

Promoción Económica organiza dez conferencias sobre comunicación e innovación para o pequeno comercio

26/02/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo organiza as Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio. Son dez charlas gratuitas que se desenvolverán baixo o lema Marzo, mes do Comercio. Impartidas por expertos en cada unha das temáticas que se van abordar, estarán abertas ás persoas interesadas. O xoves 28 de febreiro comenzaránse a repartir entre os comerciantes 3.000 dípticos co programa das xornadas, que tamén se pode consultar na web da Concellaría www.maiscompostela.org.

Con estas conferencias, a Concellaría resposta á demanda do sector comercial de formación especializada en innovación e novas tecnoloxías, cada vez máis necesaria para mellorar a competitividade e modernizar o pequeno e mediano comercio. Centraránse, sobre todo, na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías.

As Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio desenvolveranse dende o 10 ata o 14 de marzo no Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16) e na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7-9); e do 14 ao 28 de abril na Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, 19). O horario, escollido en función da dispoñibilidade dos comerciantes co obxectivo de facilitarlle a asistencia ás conferencias, será sempre o mesmo, de oito da tarde a nove e media da noite.

Documentos relacionados



Compartir: