MOBILIDADE

A páxina web municipal axilizará as solicitudes de paso e parada

26/02/2008 Unha nova ferramenta informática facilitará que calquera cidadán poida facer a súa solicitude de paso e parada a través da páxina web municipal. Cun simple clic, accederase a un sinxelo formulario que permitirá xestionar a petición dende a Concellería de Mobilidade.

O acceso ao formulario pode realizarse directamente a través da portada da páxina web ou a través da Carpeta Cidadá. Unha vez alí, o usuario atoparase cunha serie de campos, con exemplos para encher cada un deles dun xeito sinxelo. A solicitude de paso e parada deberá facerse con 24 horas de antelación como mínimo. Unha vez recibida a solicitude, a Concellería de Mobilidade verificaraa e autorizará ou non a solicitude, debidamente razoada, e comunicarallo ao cidadán.

O formulario, ademais dos datos persoais, require que se aclare informacións como o tipo de autorización que se solicita, a porta de acceso (ao Casco Histórico neste caso), o motivo da solicitude, a hora e data de entrada e saída, a matrícula do vehículo ou a tonelaxe. Aquí inclúense peticións diversas, tales como descargas de gasóleo, acceso a distintos espazos públicos, aparcamento para medios de comunicación, servizos de catering ou vodas e cerimonias, entre moitas outras.

Este servizo para realizar solicitudes seguirá convivindo co habitual a través fax, pero a intención da Concellería, segundo indicou a súa titular, Marta Álvarez-Santullano, é que este sistema se vaia impoñendo progresivamente, xa que resulta máis áxil. Ademais, este servizo incorporarase a aqueles que son accesibles dende o móbil a través de mobilscq.org. E cando se lance a plataforma para o envío de sms, o usuario poderá recibir a resposta á súa solicitude directamente no seu teléfono.

A concelleira destacou que este sistema permitirá tamén unha "maior coordinación interna" e que facilitará o control estatístico das peticións, que na súa maioría, na actualidade, teñen que ver co acceso ao Casco Histórico. Na presentación desta ferramenta, Marta Álvarez-Santullano estivo acompañada do xefe do Departamento de Informática, Jesús Rodríguez, e da xefa de Negociado de Tráfico, Rosa Iglesias.

Compartir: