CONSORCIO

O Consorcio publica "Versos a Compostela", de Rosalía de Castro

25/02/2008 O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican "Versos a Compostela", de Rosalía de Castro, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Esta nova publicación será presentada o mércores 27 de febreiro e serve para conmemorar a celebración do nacemento da escritora en Santiago, o 24 de febreiro de 1837, hai 171 anos.

De igual modo que Santiago xa forma parte do patrimonio poético de Rosalía, coa edición bilingüe de "Versos a Compostela", Rosalía tamén forma parte do patrimonio poético de Santiago. Así, coa publicación deste libro, o Consorcio de Santiago incorpora dentro da súa Biblioteca Literaria unha escolma que reúne por vez primeira os poemas de Rosalía nos que a cidade do Apóstolo se converte nun referente lírico e vital dentro da súa propia obra.

"Versos a Compostela" representa un paso máis no proceso de recuperación literaria que o programa de publicacións do Consorcio pretende –neste caso en colaboración con Alvarellos Editora- ao canalizar aquelas propostas innovadoras que contribúen a desenvolver o especial protagonismo de Compostela dentro da cultura galega.

Nas páxinas deste libro, os lectores poden percibir a emoción que a cidade de Santiago exerce sobre Rosalía; a mesma cidade que a veu nacer un 24 de febreiro de 1837, hai exactamente 171 anos. Un sentimento que permite gozar da emoción intimista dos seus versos xunto a incorporación de antigas fotografías dunha Compostela de contrastes e, por iso mesmo, do máis sorprendente dos equilibrios.

A escolma, que está ao coidado de Helena Villar Janeiro, estrutúrase en dúas partes: a primeira, "Igrexas e Campanas" recolle unha serie de poemas que teñen a Santiago como referencia directa, mentres a segunda, "Compostela Río Arriba", abarca a cidade como "marco máis distante" ou, como di tamén na introdución Xesús Rábade Paredes, "como simple contraste da vida farturenta fronte a paisaxes rurais máis deprimidas".

Todos os textos escolmados en "Versos a Compostela" pertencen a Follas Novas (1880), agás o poema longo de Santa Escolástica de A las orillas del Sar (1884), no que Rosalía ofrece un percorrido lírico pola xeografía pétrea de Compostela.

O lector de "Versos de Compostela" atopará aquí unha escolma ben organizada que logra agrupar as composicións poéticas que, de maneira clara e con referencias toponímicas, amosan os ámbitos que en Santiago e seus arredores forman parte do itinerario vital de Rosalía. Por iso, á vista desta selección temática de conxunto, esta nova achega de Rosalía de Castro non só servirá para ofrecer a posibilidade de ler a súa poesía dende unha perspectiva exclusivamente compostelá, senón tamén para achegar á moitos estudosos a oportunidade de valorar algunhas facetas da súa creación, non suficientemente estudadas ata o de agora.

Compartir: