FESTAS

As fans de Bustamante esperan na Praza do Obradoiro 24 horas antes do concerto

15/07/2005 Gema, Ania e Tania, levan desde as doce da noite de onte, xoves 14, na Praza do Obradoiro. Ataviadas con mantas, mochilas, comida e, por suposto, coas camisetas e panos de rigor, esperan ao seu ídolo, David Bustamante, que abrirá ás 11.30 da noite de hoxe, 15 de xullo, as Festas do Apóstolo.

A espera sería menos longa e quizais conseguirían durmir un pouco se non fose pola xeada que as sorprendeu durante a noite, os operarios do servizo de limpeza e a policía que lles mandou cambiar de sitio cando intentaban durmir baixo o teito dos soportais do Pazo de Raxoi. Ás 10.30 da mañá a Praza do Obradoiro está en pleno movemento, e o mítico peregrino compostelán Zapatones achégase curioso a elas, xa situadas ao lado do escenario, para preguntarlles que tal pasaran a noite.

Ser fan de alguén como David Bustamante non é doado, pero ten as súas compensacións. "Puidemos falar con el nalgunha ocasións, noutros concertos, debe estar un pouco canso de nós pero tanto nos ten", contan, mentres se preguntan en que hotel estará hospedado. As rapazas xa se coñecían de antes, de ir aos concertos -"vamos sempre que temos tempo e diñeiro"-. E do Club de Fans: "somos unhas 16.000 en España e unhas 800 en Galicia, e xa ves que non somos todas quinceañeiras". "Ten moitas máis fans que Bisbal", puntualizan.

Ana, de 30 anos, é delegada da delegación do Club de Fans de Bustamante de Vigo, e coñece Santiago porque estudou aquí, pero a Gema e a Tania tróuxoas a súa nai adrede desde Madrid para o concerto. Nunca estiveran en Santiago. "Xa que estamos aquí, aproveitamos para ver a Catedral", din sen darlle moita importancia. E é que para algunhas, a Catedral de Santiago, ao lado do Bustamante, non é nada.

Compartir: