EDUCACIÓN E MOBILIDADE

Tempo para aprender normas viarias no Parque Infantil de Tráfico

21/02/2008 Un grupo de 90 alumnos do CEIP López Ferreiro foron os primeiros en participar nunha nova edición do Parque Infantil de Tráfico, inaugurado no Parque Municipal de Amio. Ata o 10 de abril, escolares de 5º e 6º de primaria dos centros de ensino da cidade participarán nesta actividade, coa que adquirirán hábitos de seguridade viaria e actitudes cívicas.

Para esta posta en marcha do Parque, os rapaces, divididos en tres grupos, contaron coa atenta mirada do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e das concelleiras de Educación, Guadalupe Rodríguez, e de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano. Puideron ver así como os escolares realizaban nos cars unha serie de prácticas de simulación.

O Parque Infantil de Tráfico forma parte do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o Perigo?", que comprende un conxunto de actividades educativas para a prevención de riscos e a intervención diante de calquera emerxencia que se produza.

As prácticas no Parque compleméntanse con sesións didácticas nunha aula de formación con axentes da Policía Local especializados neste tipo de contidos, cos seus mestres e con outros profesionais. Con eles acceden á información sobre temas como: normas de circulación, sinalización, normas básicas de comportamento, entre moitos outros.

Igualmente, o programa inclúe o contacto directo cos servizos de seguridade: Policía Local, Protección Civil, Policía Nacional, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Cruz Vermella. Os rapaces poden así coñecer o seu funcionamento e o procedemento para dispoñer dos seus servizos.

Compartir: