EDUCACIÓN E MOBILIDADE

Comezan as actividades do Parque Infantil de Tráfico

20/02/2008 O xoves 21 de febreiro comezarán as actividades do Parque Infantil de Tráfico coa participación dos escolares do CEIP López Ferreiro. Ó acto de inauguración está previsto para ás 12:00 horas, coa presenza do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e das concelleiras de Educación, Guadalupe Rodríguez, e de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano.

Esta actividade forma parte do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o Perigo?", que comprende un conxunto de actividades educativas para a prevención de riscos e a intervención diante de calquera emerxencia que se produza.

O Parque Infantil de Tráfico conta cos medios necesarios para que os nenos e nenas participantes practiquen os coñecementos adquiridos previamente sobre a circulación. Constitúe un dos principais recursos didácticos cos que os alumnos e alumnas de terceiro ciclo de primaria dos centros de ensino de Santiago e comarca poden realizar unha serie de prácticas de simulación con vehículos axeitados, como os cars, poñendo en práctica os contidos que se traballaron nas sesións didácticas previas cos axentes da Policía Local especializados no desenvolvemento deste tipo de contidos, cos seus profesores e profesoras e con outros profesionais. Con eles acceden á información sobre temas como: normas de circulación, sinalización, normas básicas de comportamento, entre moitos outros.

Ademais, durante a actividade do Parque Infantil de Tráfico cóntase coa presenza dos servizos de seguridade (Policía Local, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Policía Nacional, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Cruz Vermella. Todos eles dan a coñecer o seu funcionamento como servizos públicos e o procedemento para dispoñer dos seus servizos. Contribúen a facilitarlle ao alumnado as pautas orientadas á integración duns hábitos de comportamento e dunhas actitudes axeitadas para o desenvolvemento persoal e viario na súa condición de peón, viaxeiro e condutor.

Compartir: