DEPORTES

Santiago volverá a vivir a súa festa do ciclismo en maio

20/02/2008 A Fundación Compostela Deporte e o Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela presentaron a vindeira edición da Volta Ciclista da Ascensión, que terá lugar os días 1, 2 e 3 de maio, para as categorías Elite e Sub-23.

O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o presidente do Club Ciclista Compostelano–Muebles Compostela, Nemesio López, presentaron a competición, que será a de maior rango–Carreira Continental 2.ME.2- que se dispute en Galicia das previstas para esta tempada nas probas por etapas, segundo a clasificación da Unión Ciclista Internacional (UCI).

Andrés Fariña explicou que o convenio asinado pola Fundación e o Club Ciclista Compostelano permite: "repartir o traballo na especialidade de cada entidade. Da cuestión técnica e deportiva ocuparase o club. E do eido máis comercial, inseparable en calquera destes eventos, farase cargo a Fundación".

O vicepresidente da Fundación lembrou que, dende a súa orixe, a Fundación "é un instrumento moi áxil na procura de financiamento" para a actividade deportiva das entidades de Santiago. "Ademais, esta Volta Ciclista da Ascensión ten unha historia suficiente para que o Concello de Santiago non se plantexe ningún tipo de dúbida á hora de seguir apoiando este evento en particular", engadiu.

Pola súa parte, o presidente do Club Ciclista Compostelano, Nemesio López, expresou o seu agradecemento á Andrés Fariña, tanto a título individual como ás institucións que representa polo: "empeño para que a Volta Ciclista da Ascensión sexa de novo unha realidade". "As facilidades que se nos están dando son extraordinarias", asegurou.

López destacou as principais novidades do convenio entre ambas entidades. "A primeira é que o club comprometese a organizar en solitario á Volta no eido deportivo. É un convenio aberto na parte económica e a empresa patrocinadora do club, Muebles Compostela, entregará un trofeo ao ciclista galego mellor clasificado", comentou.

O presidente do CC Compostelano adiantou que a Volta de 2008 contará con corredores moi importantes. "Virá o santiagués David Blanco, do Palmeiras Resort portugués, vencedor da Volta a Portugal no 2006 e que se formou nas categorías inferiores –ata cadetes- do CC Compostelano; e o seu compañeiro de equipo Martín Garrido, vencedor do Tour San Luís 2007. Estarán tamén o campión da pasada edición, José Luís Ruíz Cubillo, do Comunidad Valenciana; o galego Luís Fernández Oliveira, ex do Phonak e do Karpin Galicia; Paco Mancebo, ex corredor do Banesto e do Relax, cuarto clasificado do Tour de Francia 2005 e terceiro na xeral da Vuelta a España no 2004 e 2005; e Eladio Jiménez, segundo na xeral e vencedor de dúas etapas da Volta a Portugal, entre outros.

Por outra banda, López subliñou que se está a traballar no peche da contratación dos equipos participantes e, tras adiantar que a previsión é de que a participación sexa igual á da pasada edición, 20 equipos, dos que como mínimo seis teñan que ter categoría UCI, e 140 corredores, engadiu: "Podo dicir que a parte dos galegos, que loxicamente contamos coa presenza de todos os que poidan facelo polas condicións que impón a UCI –non poden ter todos os corredores de primeiro ano-, a idea da organización é que asistan os mellores do resto de España e de Portugal".

Compartir: