EDUCACIÓN

Os alumnos da Escola Municipal de Música participarán na I Mostra do Eixo Atlántico

20/02/2008 A Escola Municipal de Música segue a medrar, como o demostra o amplo calendario de actividades para o segundo trimestre do curso. A principal novidade é a participación dos alumnos na I Mostra do Eixo Atlántico.

Este evento celebrarase no Centro Social dos Maios, na Coruña e suporá unha importante oportunidade para que os alumnos da agrupación instrumental da Escola amosen o froito do seu traballo. Esta Mostra ten como obxectivo recoñecer, promover e difundir a práctica da música, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación do panorama musical do Eixo Atlántico.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, destacou a novidade deste evento na presentación de toda a programación para o segundo trimestre do curso. Este calendario comezou xa en febreiro coa celebración, do 11 ao 15 de febreiro, dunha Semana de Convivencia, na que os alumnos compartiron experiencias musicais. Novidade neste curso, a iniciativa permitiu realizar actividades conxuntas para axudar a organizar os concertos das audicións trimestrais e para seleccionar as pezas a interpretar.

Tamén febreiro ten lugar o II Encontro de Creación Musical. Os alumnos presentarán as súas composicións orixinais,que logo serán interpretadas na Escola. O resultado poderase escoltar nun concerto no mes de abril. Febreiro complétase coa Semana de Musicantes, na que alumnos de 4º curso de Música e Movemento (7 anos) achéganse aos diferentes instrumentos para axudarlles a elixir cara o ano seguinte. A actividade realízase a través de pequenos concertos didácticos na Escola a cargo dos profesores.

Xa en marzo, e ademais da participación na Mostra do Eixo Atlántico, celebrarase a Semana de audicións de alumnos, do 10 a o 14 de marzo. Logo virá un concerto a cargo do pianista Cándido Cabaleiro e do barítono Eliseu Mera. Interpretarán Viaxe de inverno, de Schubert.

Ademais, a Escola está a preparar as actividades para o terceiro trimestre, entre as que están un Curso de iniciación á escoita, un obradoiro de musicoterapia denominado Viaxes interiores coa música e outro de iniciación ao jazz.

Todas estas actividades recóllense tamén na nova web da escola, www.esmucompostela.es, que xa está dispoñible. Dela falaron na rolda a directora da Escola, Montse Merino e o xerente de Trobeiro (empresa encargada da xestión da Escola), Óscar Villar.

Compartir: