TURISMO

Santiago e Xirona asinan un convenio de promoción turística

19/02/2008 O Fórum Gastronómico Santiago’08 foi escenario da sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Santiago de Compostela e o Padroado de Turismo Costa Brava-Xirona. Ambas cidades colaborarán na súa promoción turística por seren sedes alternativas da celebración anual deste evento gastronómico.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente do Padroado de Turismo Costa Brava-Xirona, Enric Vilert i Butchosa, asinaron este convenio durante unha cea ofrecida por Turisme de Catalunya no marco do evento, á que tamén asistiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O Fórum Gastronómico celebras en Santiago por primeira vez tras cinco edicións en Cataluña. A partir de agora, o Fórum convocarase os anos impares en Xirona e os pares na capital galega.

O acordo de colaboración favorecerá a promoción turística de Santiago de Compostela e Xirona e a das súas bisbarras e áreas de influencia, a través de presentacións para o público xeral e workshops para os turoperadores de cada rexión.

Ademais, ambas entidades facilitaranse a participación nos seus respectivos Fórums, a través da cesión de espazos expositivos para a divulgación da súa cociña e dos seus produtos enogastronómicos.

Compartir: