MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente inaugura a exposición sobre o cambio climático "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción"

18/02/2008 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, inaugurou a exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" no Centro Social e Xuvenil do Ensanche. A mostra estará activa ata finais de febreiro e organizase en colaboración coas consellarías de Medio Ambiente e de Innovación e Industria.

Un obxectivo fundamental para a Concellaría de Medio Ambiente é impulsar iniciativas que fomenten a educación ambiental e a concienciación social para unha mellor conservación do noso entorno. A exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" poderá ser visitada por calquera cidadán dentro dos horarios de abertura do Centro Social e Xuvenil do Ensanche. Ademais existe a posibilidade de concertar unha visita guiada, para un mínimo de 15 persoas. Nesta altura, xa son 25 os grupos que teñen feito unha reserva de visita guiada.

Numerosos centros escolares de primaria, secundaria e bacharelato fixeron reserva para máis de 500 alumnos. A mostra pode ser unha valiosa ferramenta pedagóxica para estimular a participación e reflexión dos visitantes, propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

En palabras de Elvira Cienfuegos "é importante concienciar á cidadanía do problema que supón o cambio climático, porque sen a súa participación semella moi difícil que se podan levar adiante políticas efectivas para reverter este proceso". Ademais "a gran receptividade que esta iniciativa está a ter entre a comunidade escolar anímanos e encoráxanos a continuar nesta liña divulgativa e de fomento de actividades que podan ser un complemento ao labor do profesorado nas aulas".

Compartir: