ALCALDÍA

O alcalde agradece ao Museo do Pobo Galego ter convertido a Santiago na capital da cultura tradicional galega

15/02/2008 O presidente do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, recolleu de mans do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Medalla de Ouro da Cidade ao Mérito Cultural. Nun solemne acto na Igrexa de San Domingos de Bonaval, recoñecéronse así os altos servizos e atencións prestadas por esta institución na cidade.

O alcalde outorgoulle ao Museo o mérito de "converter a capital de Galicia tamén na capital da cultura tradicional galega". Neste cometido, lembrou o papel xogado por persoeiros como Rafael Baltar, Carlos García Martínez, Xusto Beramendi, Xaquín Lorenzo, Luciano García Alén, Fernández Albor, García-Sabell, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, entre outros, para lograr que finalmente, se puxera en marcha o Museo en 1977. "Dende entón, este proxecto colectivo foi imparable e tanto fundadores, como socios e voluntarios traballaron sen descanso a prol da recuperación da memoria colectiva e histórica do país ata lograr consolidalo e convertelo nunha institución respectada por todos", apuntou.

Houbo tamén agradecemento ao decisivo papel do Museo "no proceso de recuperación e normalización da nosa cultura. Con grande esforzo foi logrando os seus obxectivos, procurando cumprir cos criterios internacionais e soportando sempre de maneira firme un ideario de apoio á nosa historia, ás nosas tradicións e á nosa lingua". Sánchez Bugallo recalcou a vixencia do "compromiso social" dunha institución convertida nun "proxecto consolidado e maduro que satisface a Compostela".

Sobre o seu labor actual, o alcalde destacou que "dende a perspectiva da antropoloxía cultural, intenta abranguer e relacionar as diversas manifestacións humanas no seno dunha comunidade diferenciada, así como recoller, conservar e estudar nas súas salas as mostras da cultura espiritual e material para axudar, a través desa realidade, á planificación do futuro colectivo". Por iso, engadiu, "o Museo do Pobo galego é un banco de capital simbólico que debemos aproveitar e difundir".

Institución recuperadora e dinamizadora
Sánchez Bugallo tamén agradeceu o labor da institución no campos didáctico, expositivo ou etnográfico, e felicitouna por saber dar resposta tamén ás novas demandas que se van incorporando. Así mesmo, puxo ao Museo como "exemplo da recuperación de edificios históricos para os novos tempos e da reutilización de espazos que caracteriza a esta cidade", e tamén como parte "dunha estudada planificación coa que o Concello conseguiu dinamizar esta zona da cidade e convertela nun dos epicentro da cultura e do ocio do casco histórico".

Para o alcalde, coa concesión desta Medalla "o Concello salda unha débeda que tiña contraída co Museo como institución polo seu labor e actividades e, que xa recoñecera coa concesión das Medallas de Ouro da Cidade, aos dous Presidentes da entidade: o inesquecible Antón Fraguas, e o actual presidente Isaac Díaz Pardo". Finalmente, manifestou o firme compromiso de colaboración do Concello co Museo, "porque o consideramos necesario; porque estamos orgullosos do labor desenvolvido durante estes trinta anos; e porque este valioso organismo converte á nosa cidade nun punto de referencia obrigado para quen, desde calquera parte do mundo, queira coñecer ou afondar na riqueza da cultura galega".

O acto estivo presidido polo ministro de Cultura, César Antonio Molina, quen destacou a "capital aportación á cultura galega" do Museo do Pobo Galego. Indicou que se ten convertido nun "centro de referencia para a recuperación da memoria histórica de Galicia" e nun exemplo do "pluralismo ideolóxico exemplar que o presidiu dende o primeiro momento".

Pola sua parte, Isaac Díaz Pardo, lembrou as orixes da institución, nada "da nostalxia do expoliado Seminario de Estudos Galegos". Igualmente, agradeceu a colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia, que "tutelou o seu nacemento", e do Concello de Santiago, que "puxo en bandexa o excepcional Mosterio de Bonaval".

Xunto ao ministro e ao alcalde estiveron no acto numerosas personalidades do mundo da cultura compostelá e galega, entre eles os patronos e socios do Museo do Pobo Galego, representantes da Academia Galega de Belas Artes, da Real Academia Galega e dos museos de Galicia. Tamén estiveron representados os ámbitos universitario, na persoa do reitor da USC, Senén Barro; empresarial, da empresa e das administracións provincial, autonómica e central. Igualmente, asistiron todos os que foron galardoados coa Medalla da Cidade de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: