ALCALDÍA

A nova autovía Santiago-Brión desconxestionará os tráficos de entrada e saída á cidade

15/02/2008 A apertura da nova autovía AG-56 entre Santiago e Brión permitirá dar servizo a unha media de 25.000 automobilistas diarios e permitirá desconxestionar os tráficos de entrada e saída da cidade cun notable aforro de tempo. A autovía conta con 12,6 quilómetros e 3,3 quilómetros de corredor que servirá de circunvalación a Milladoiro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á conselleira de Política Territorial, María José Caride e aos alcaldes de Ames, Teo, Brión e Noia na inauguración da nova infraestrutura. Alí apuntou que "hoxe é un gran día para Santiago e para os concellos do seu contorno" e incidiu en que esta autovía "vai supoñer unha mellora notable da calidade de vida nestes concellos".

Sánchez Bugallo felicitouse pola inauguración "nun prazo excepcional, tres meses antes da data prevista" e desexou o mesmo éxito para a inminente apertura da autovía entre Santiago e A Estrada. Como próximo reto en canto a infraestruturas viarias, sinalou o terceiro carril da autopista entre o norte e o sur de Compostela.

Para o presidente da Xunta, esta actuación contribúe a "articular o territorio" e a permitir que Santiago se converta "no nó de referencia dunha gran área metropolitana". Grazas a esta obra, "a costa achégase ao centro de Galicia e o centro de Galicia achégase á costa", significou, o que repercute en que, finalmente, se gañe "capacidade económica".

En oito minutos
A autovía Santiago-Brión (AG-56) ten 12,6 quilómetros de lonxitude e inclúe un ramal de 3,3 quilómetros ata As Gálanas, que actuará como circunvalación de Milladoiro. Conecta directamente coa AP-9 a través dunha vía de alta capacidade, permitindo desconxestionar os tráficos de entrada e saída de Santiago procedentes da AC-543 e da N-550. Esta infraestrutura requiriu dun investimento de 108,8 millóns de euros.

Coa apertura da autovía Santiago-Brión os cidadáns da comarca de Compostela xa poden circular por unha nova infraestrutura de altas prestacións. Estas dúas estradas discorren en travesías urbanas por concellos que nos últimos anos experimentaron un notable crecemento poboacional, polo que a nova infraestrutura permitirá desconxestionar estes núcleos proporcionándolles aos seus cidadáns unha maior calidade de vida e aos condutores unha mellora da seguridade viaria e un notable aforro de tempo (de máis do 70 por cento). Así, un percorrido que se tarda en facer uns 25 minutos de media poderá efectuarse en aproximadamente oito minutos.

Características técnicas
O tronco principal da autovía está composto por dúas calzadas separadas de sete metros cada unha (con dous carrís en cada sentido de 3,5 metros), con beiravías exteriores de 2,5 metros e interiores de 1 metro.

Pola súa parte, a variante das Galanas, que parte do enlace de Pardiñas, ten características de corredor. A importancia deste corredor radica en que se configura como un itinerario alternativo que salvará o paso polo núcleo de Milladoiro para os vehículos que accedan a Santiago pola N-550 e desconxestionará Compostela dos tráficos de tránsito -especialmente dos pesados- que procedentes das comarcas de Muros, Noia e Costa da Morte se dirixen á provincia de Pontevedra sen que teñan xa a necesidade de entrar na cidade.

Seis enlaces na autovía e dous no corredor
Ao longo do seu trazado a autovía conta con seis enlaces en Santiago Sur (coa AP-9 e a N-550), Pardiñas (co corredor ás Galanas), Bertamiráns Este (coa AC-543 Santiago-Noia), Bertamiráns Norte (coa AC-544 a Negreira), Brión e Gundín (remate da autovía na estrada Santiago-Noia). O corredor ás Galanas conta á súa vez con enlaces en Biduído e As Galanas (coa N-550).

Canto ás estruturas construídas, a nova obra conta con 13 viadutos, 8 pasos superiores e 10 pasos inferiores. Os viadutos máis importantes da autovía son os da N-550 en Santiago, Casal, Pardiñas, Sar, Bertamiráns Este e Brión (o máis longo, cuns 500 metros) mentres que os do corredor sitúanse en Paramuíño e Biduído.

Corredor Brión-Noia
A autovía Santiago-Brión enlazará co futuro corredor Brión-Noia, unha nova vía de alta capacidade que se está a construír xa no seu primeiro treito, entre Brión e O Martelo, comezaron o mes pasado. Este corredor configúrase como unha infraestrutura de 18 quilómetros de lonxitude que atravesa os termos municipais de Brión, Rois, Lousame e Noia. Arranca da AG-56 Santiago-Brión (no lugar de Gundín, no concello de Brión), e finaliza no lugar da Pasaxe (preto do núcleo de Orro) ao comezo da nova ponte sobre a desembocadura do río Tambre, denominada "Ponte Ceilán", que está situada a dous quilómetros do centro urbano de Noia.

Documentos relacionados



Compartir: