MOCIDADE

Os grupos dos Locais Municipais de Música presentan o seu "book"

14/02/2008 A Concellería de Mocidade fixo posible que os grupos dos Locais Municipais de Música dispoñan do seu propio "book". Facilítase así o coñecemento destas formacións e dos propios locais, unha alternativa para os ensaios dos que comezan no mundo da música. Ademais, o venres 15 de febreiro, catro destes grupos darán un concerto de presentación na Sala Capitol.

Nesta publicación, recóllense datos básicos sobre 32 grupos de diversos estilos. Cada un deles ten unha ficha descritiva, con aspectos que permiten o seu mellor coñecemento por calquera interesado en contratalos ou contactar con eles: departamentos de festas e de cultura dos concellos, comisións de festas, salas de concertos, discográficas ou medios de comunicación. O resto dos grupos que nestes intres ensaian en San Lázaro, ata 57, tamén teñen datos de contacto.

O concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, recordou na presentación que está e unha máis das actividades programadas polo seu departamento para difundir o labor destes grupos. Nesta liña está a organización dun concerto na Sala Capitol, no que se presentarán ao público catro dos grupos: Sinestesia, Mito Escrito, Hyde Casino e Bronquitis Crónica. A entrada é de balde, previa retirada no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

Esta iniciativa completarase con novos concertos, con intercambios con outros grupos e coa gravación de maquetas. Ademais, o departamento prepara un concurso abertos aos grupos noveis, cuxas bases serán presentadas en breve. Segundo explicou Baqueiro, e ante a alta demanda, que obriga a ter grupos en lista de espera, estase a valorar a posibilidade de ampliar o espazo e de modificar algunhas condicións de utilización das instalacións.

O titular de Mocidade aproveitou para recordar a oferta dos locais de ensaio municipais, situados nos baixos do fondo sur do estadio de San Lázaro. O seu horario de funcionamento é de 10.00 a 0:00 horas, agás os sábados, domingos e festivos, no que horario acúrtase ás 22:00 horas.

Son espazos acondicionados e dotados co material necesario para que os mozos e mozas de Compostela ensaien nas súas dúas salas. Cada unha ten o seguinte material: batería con dobre pedal e tarima, amplificador de guitarra, amplificador de baixo, catro caixas autoamplificadas con pés, dous micrófonos, mesas, cadeiras, armarios e conexións eléctricas e cableado.

Compartir: