ALCALDÍA

Os arquitectos do noroeste peninsular premian a calidade da xestión urbanística de Santiago

13/02/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á rolda de prensa ofrecida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para dar conta dos finalistas galegos no I Premio de Arquitectura ARQano, outorgado polos Colexios Oficiais de Arquitectos do noroeste de España. Santiago foi premiada na categoría de "ARQano ao fomento da Arquitectura 2007" pola "continua e atenta xestión urbanística que incorpora a arquitectura coma un dos seus piares fundamentais".

A cidade de Santiago é a primeira receptora desta distinción, que recoñece a aquelas persoas ou institucións que teñan protagonizado actividades favorables ao fomento da arquitectura. A concesión deste premio foi refrendada por un xurado composto por membros dos cinco colexios oficiais de arquitectos do noroeste de España (Asturias, Cantabria, Castela e León Este, Galicia e León).

Na súa intervención o alcalde de Santiago sinalou a responsabilidade que sempre tivo a cidade "pola historia que herdamos e polo que temos que facer en adiante". Ademais, destacou que "nunca se fixera tanta arquitectura boa como nos últimos dez anos" e declarou o orgullo de sentir que Santiago é un exemplo de como se poden facer moitas cousas e ben feitas.

Sánchez Bugallo amosou a súa aposta pola arquitectura e o urbanismo como símbolo de mellora da calidade de vida dos cidadáns e como axuda ás interrelacións entre as persoas. Tamén subliñou o traballo realizado nos últimos 20 anos en materia de rehabilitación no casco histórico e reivindicou o papel da arquitectura para "resolver e permitir necesidades básicas da sociedade".

Os ARQano substitúen aos coñecidos anteriormente como Premios Julio Galán Carvajal e nacen co obxectivo de difundir e recoñecer publicamente a promoción da arquitectura entendida na súa dimensión máis ampla, como un campo protagonizado polos arquitectos nas súas distintas facetas de actividade profesional.

Na rolda de prensa tamén se deron a coñecer outros finalistas dos I Premios ARQAno de Arquitectura. Así, Santiago tamén estivo presente a través do premio na categoría de vivenda co arquitecto César Coll, polas 257 vivendas da urbanización do poligono SUP-5 da Choupana. Tamén resultou finalista, no apartado doutras actividades do arquitecto, a modificación do Plan Parcial, proxecto de urbanización e estudo de detalle do SUNP-2, en Salgueiriños, obra de José María de la Puerta Montoya e Carlos Asensio Galvín.

Polo que respecta a Galicia, destacan tamén a elección na categoría de restauración e rehabilitación da intervención realizada no Pazo de Lestrove (A Coruña) para o seu uso como hotel, ou, no apartado de vivenda, dunha unifamiliar en Perbes, Miño (A Coruña), de VIER Arquitectos SL. Igualmente foi finalista a restauración da ponte medieval de Ponteledesma polos arquitectos Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

Finalmente, o xjurado premiou a traxectoria profesional do coruñés Andrés Fernández Albalat. Del valoraron as súas rehabilitacións en lugares como a Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón ou a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán na Coruña).

Compartir: