MEDIO AMBIENTE

Ábrese o prazo de solicitude para acceder ás hortas do Parque de Belvís

13/02/2008 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, estará o venres 15 no Centro Sociocultural da Trisca para explicar a todos os interesados como se desenvolverá o proxecto das hortas do Parque de Belvís. Na xuntanza, que será ás 12:00 horas, a concelleira explicará cales son as condicións para poder acceder a unha parcela e demáis detalles do proceso. Ese mesmo día, a partires da xuntanza ábrese o prazo de solicitude para todos os usuarios que queiran participar. O prazo estará aberto ata o 26 de febreiro.

As hortas son unhas parcelas duns 60 metros cadrados cada unha e preparadas para a súa explotación hortícola mediante prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais. O Concello cede o uso destas hortas á veciñanza nos termos en que se establece nunha Ordenanza Municipal específica. Todos os veciños de Compostela, poden acceder a estas parcelas atendendo ás seguintes solicitudes de preferencia:

- Persoas xubiladas e prexubiladas que residen na contorna do parque.
- Persoas xubiladas e prexubiladas doutras zonas da cidade.
- Resto de cidadáns.

No caso de haber máis solicitudes que parcelas dentro dun mesmo grupo dos que acabamos de nomear, farase un sorteo.

Esta é unha iniciativa encamiñada á conservación do medio ambiente e á procura dun desenvolvemento sustentábel que mellore a calidade de vida en Santiago. Nesta liña de actuación é onde se encadra este proxecto, que fomenta a relación dos cidadáns coa natureza e, ademais, dalle prevalencia aos xubilados, como instrumento de entretemento e ocio relacionado coa terra, ademais de darlle vida a esta zona da cidade.

Compartir: