COMERCIO

Tres comercios da cidade locen xa as bandas de recoñecemento polos seus escaparates de Nadal

13/02/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na Edición de Nadal do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping": o establecemento Seguridade A-1, a tenda de decoración Kosas de Kasa e Xoiería Xanana.

En primeiro lugar, Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao terceiro comercio clasificado, Xoiería Xanana, situada na rúa Doutor Teixeiro, 25. A continuación, dirixiuse á tenda de decoración Kosas de Kasa, clasificada en segundo lugar e ubicada tamén en Doutor Teixeiro, neste caso no número 30. Por último, o concelleiro entregou a banda ao primeiro clasificado, Seguridade A-1, situado na rúa República Arxentina, 29.

Á edición de Nadal do concurso presentáronse 53 establecementos comerciais, de sectores tan diversos como téxtil, pel, calzados, complementos, iluminación, decoración, ópticas, xoiarías, alimentación, seguridade e artesanía. O certame está dirixido a todos os locais comerciais da cidade. As catro edicións coinciden coas catro grandes tempadas comerciais: Primavera, Verán, Outono e Nadal. No concurso prima tanto o escaparate como o interior do comercio

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local, que incluen campañas en televisión, prensa e radio para o primeiro clasificado; e en prensa e radio para os estabelecementos que quedaron en segundo e terceiro lugar. Está previsto que en marzo se coñeza o gañador do 2007 do Concurso de Escaparatismo, no marco de "Marzo, mes do comercio". O premio será para o establecemento que tivese unha maior continuidade na súa imaxe ao longo do certame. No ano 2006 o gañador foi a tenda de decoración Andrómenas.

Compartir: