EMPREGO

Promoción Económica oferta catro cursos de teleformación dirixidos a persoas ocupadas

12/02/2008 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego organiza, de xeito gratuíto, catro cursos de teleformación para traballadores ocupados, financiados por Caixa Galicia. Estas actividades formativas, enmarcadas na Rede de Cooperación Local, son Habilidades directivas, Calidade, Loxística integral e Inglés industrial. O prazo de inscrición remata o 15 de marzo. Cada un dos cursos oferta 15 prazas.

Habilidades directivas, con 50 horas lectivas, está dirixido a mandos intermedios, responsables de equipos e técnicos de produción. O curso de Calidade, de 35 horas, está dirixido a todo tipo de operarios. Loxística integral, dirixido a mandos intermedios, xestores e encargados da loxística dunha empresa, ten unha duración de 20 horas. A actividade formativa de Inglés industrial, dirixida a responsables de equipos, técnicos de equipos, directivos e xerentes, consta de 50 horas lectivas.

As persoas traballadoras interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 15 de marzo presentado a instancia correspondente no Rexistro Xeral do Concello, ubicado na Rúa Presidente Salvador Allende, 4. A selección realizarase tendo en conta a orde de entrada en rexistro das solicitudes. Os interesados poden obter máis información na páxina web www.maiscompostela.org, na Oficina de Promoción Económica e Emprego, situada na porta 9 do Estadio de San Lázaro, ou no teléfono 981 542 493.

A Rede de Cooperación Local (RCL), posta en marcha no ano 2004 pola Concellaría de Promoción Económica, ten como obxectivo favorecer a competitvidade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial e a Universidade de Santiago (USC). Ademais de Caixa Galicia, coa RCL colabora a Deputación de A Coruña, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e a USC.

Compartir: