REFORMA ADMINISTRATIVA

Os composteláns xa poden acceder á Carpeta Cidadá do Concello co DNI electrónico

12/02/2008 Os cidadáns de Santiago de Compostela xa poden utilizar o seu DNI Electrónico (DNIe) para acceder á Carpeta Cidadá e realizar trámites administrativos a través de Internet sen necesidade de desprazarse ata as dependencias municipais.

Esta é unha nova medida posta en marcha pola Concellaría de Réxime Interior e Reforma Administrativa que busca facer máis fácil e asequible a relación cotiá dos veciños co Concello. Recentemente tamén se habilitou un sistema de solicitude de cita previa a través da web co obxectivo de axilizar a realización de trámites.

Ata o de agora, o único xeito que o cidadán tiña para identificarse na Carpeta Cidadá da páxina web consistía na utilización dun identificador de usuario e a súa correspondente clave de acceso, que podía obter acudindo á Oficina de Atención Cidadá. Esta opción segue a estar dispoñible, de tal xeito que o cidadán pode achegarse á OAC en calquera momento e solicitar o seu identificador e clave secreta, que xa se leva impresa nese mesmo momento.

A partir de agora, ademais de empregar este sistema, o cidadán pode optar por facer uso do seu DNIe e para acceder á mencionada Carpeta Cidadá e aos servizos que a través dela se prestan. O DNIe é o novo formato de Documento Nacional de Identidade emitido pola Dirección General de Policía (Ministerio del Interior), que ademais de ter a función de identificación habitual ao levar impresos na súa superficie os datos persoais e unha fotografía, contén no seu interior un certificado electrónico que pode ser utilizado para a identificación e sinatura en transaccións telemáticas.

Este DNIe, que substituirá paulatinamente ao Documento Nacional de Identidade tradicional, permite polo tanto realizar de xeito seguro accesos a servizos telemáticos, compras e ventas a través de Internet, etc.

O Concello de Santiago de Compostela pretende deste xeito, por un lado, facerse máis accesible aos cidadáns ofrecendo un novo xeito de contactar coa Administración e, por outro, apoiar esta iniciativa do Ministerio de Interior, por entender que suporá un impulso importante para a implantación da sociedade da información.

O Departamento de Informática vén traballando na incorporación de novos servizos a través do portal municipal. Recentemente púxose en marcha un sistema de solicitude de cita previa a través da web que permite, aos cidadáns que necesariamente teñan que desprazarse ao Concello, reducir os tempos de espera e organizar esta cita en función da súa axenda co fin de que as relacións co Concello teñan o menor impacto posible na súa actividade cotiá.

Compartir: