EDUCACIÓN

Vinteseis rapaces de Santiago disfrutarán dunha estadía na Limia

14/07/2005 O venres 15 de xullo, vinteseis rapaces composteláns partirán cara Lodoselo (A Limia), para disfrutar dunha estancia no Albergue "O Viso", que foi casa rectoral de labranza. Trátase dunha actividade ofertada polo Departamento de Educación e Mocidade do Concello, dentro do seu programa educativo e de lecer do verán.

Neste verán ofertáronse dúas estancias de educación ambiental, unha para os máis pequenos e outra para os maiores, na Limia, cunha duración dunha semana. Aínda que nestas actividades de verán se prima a faceta máis lúdica, insístese tamén no proxecto educativo que se desenvolve ao longo de todo o curso escolar, no que se pretende formar a nenos e nenas para que aprendan a convivir coa natureza dunha maneira harmónica, fomentando tamén a educación en valores.

Esta estancia permite a convivencia dun grupo de nenos e nenas de Santiago e a participación na vida das xentes de Lodoselo. O programa desenvólvese en Sarreaus e Xinzo, localidades situadas na comarca de A Limia (Ourense), a 700-900 metros de altitude. O contorno do albergue conta con moitas posibilidades e recursos para disfrutar do medio natural e cultural e da súa paisaxe. Nas cercanías existen espazos naturais interesantes asociados á antiga Lagoa de Antela. Conta tamén cun patrimonio cultural e etnográfico moi rico, no que destacan as Torres da Limia, o seu Museo Etnográfico e a arquitectura tradicional dalgúns dos seus pobos.

O Albergue é tamén un centro de desenvolvemento rural de referencia. Está situado na parroquia de Santa María de Lodoselo. Foi casa reitoral de labranza, restaurada e habilitada para albergar a grupos e dinamizar á mocidade e maiores dos arredores.

A segunda quenda dos rapaces que participan nesta actividade (a primeira xa se desenvolveu do 4 ao 10 de xullo) será 15 ao 21 de xullo. Nela participarán 26 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e os 13 anos, que ademais dos monitores, poderán disfrutar da aprendizaxe con persoal especializado para determinadas actividades, e coa colaboración especial de varias veciñas maiores do pobo de Lodoselo que ensinarán aos rapaces como se fía e como se fai unha fornada tradicional de pan, e a axuda puntual dos educadores do Centro "O Viso".

Os rapaces partirán o 15 de xullo ás 10 h. da mañá da Dársena de Xoán XXIII de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: